O Museo do Pobo Galego acolleu a presentación das actas do I Congreso do Reino de Galicia

Onte presentáronse no Museo do Pobo Galego as actas do I Congreso Internacional do Reino de Galicia: “Regnum Totius Gallaeciae”. Participaron o responsábel editorial, Anselmo López Carreira; a deputada provincial de Cultura, Natividade González, e a presidenta do museo, Concepción Losada.
Natividade González, Concepción Losada e Anselmo López Carreira, esta terza feira, en Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Natividade González, Concepción Losada e Anselmo López Carreira, esta terza feira, en Compostela. (Foto: Arxina)

Dezanove son os relatorios publicados nesta obra, lanzada pola Deputación da Coruña, cuxa produción editorial correu a cargo de Xosé Lois Vázquez e Disigna Edenia. Anselmo López Carreira, curador técnico daquel congreso, indicaba estes días que “esta obra cubriu todas as expectativas e nela se recollen relatorios de gran calidade e novidade. Había que falar do reino e, con argumentos, demostrar a súa existencia”.

Nas actas aparecen reproducidas as palabras que, na apertura do congreso, pronunciou Xurxo Couto, deputado de Cultura en 2022; así como as de Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, que entrega a súa valoración sobre os actos celebrados nesa “casa”. Segundo ela, foi unha “magnífica oportunidade para contactar con especialistas do mundo medieval”. E afirma que no Museo fican “ben orgullosos e agradecidos de que nos tivesen elixido como lugar para se reunir”.

As primeiras palabras pronunciadas naqueles actos por López Carreira, e reproducidas agora sobre papel, lembraban os novecentos once anos da celebración na catedral e no pazo episcopal da coroación de Afonso Raimúndez. Logo abordaba varios fitos importantes da historia da Galiza, amais do proceso de esvaecemento na historiografía moderna.

Mariña Bermúdez, relatora igualmente, achegounos no día de onte que “o franquismo rompeu completamente a nacente historia da Galiza segundo métodos modernos, impedindo que se continuase avanzando no estudo do pasado medieval, e ocultando as particularidades históricas da Galiza”. Na súa intervención describe a estrutura interna do noso reino medieval e fai un percorrido polos distintos elementos que compuñan a súa organización administrativa, sobre todo antes do reinado de Fernando III.

O relatorio de Jaume Sobrequés i Callicó versa sobre “Dúas historiografías contrapostas: España e Cataluña”, na que se amosan exemplos do centralismo españolista. Sobre os “Reis antes do reino” trata Martín Fernández Calo, quen defende a existencia dun “principatus galaico” antes do medievo, sustentado na presenza de varios “princeps”, dunha “sorte de realeza tribal”, na epigrafía romana.

“O Reino suevo de Gallaecia. Unha relectura das fontes” é o tema abordado por Pablo C. Díaz; Alberto Lago Villaverde analiza “O Reino da Gallaecia no contexto europeo”; e Xosé Carlos L. Bernárdez explica “A arte na Galicia tardorromana e medieval, desde a creación do reino ao ano 1000”, destacando –entre outras cuestións– que a arte galega enraizada na tradición baixo imperial e xermánica “non se viu afectada no substancial polo mundo islámico”. Sobre o congreso indicounos no día de onte que este “reforzou un cambio de paradigma na historiografía sobre o noso medievo”.

Da arte tamén trata Ramón Yzquierdo, e afirma que a compostelá era “unha catedral para os reis de Galicia”. Interesantes son as súas descricións da basílica santiaguesa e o panteón real. Procedente da Universidade de Hofstra, Simon Doubleday gusta de expor “Unha historia de dúas fronteiras: as relacións do reino de Galicia-León con Portugal e al-Ándalus baixo a raíña Sancha e o rei Fernando”. Estes días recordaba que no congreso forxou “novas amizades e colaboracións entre outros congresistas!”. Tamén indicou que “Anselmo inspira un ambiente moi cálido e a acollida da dirección e presidencia do Museo do Pobo Galego foi 
inesquecíbel”.

Carlos Baliñas trata “A desagregación do vello ‘Regnum Gallaeciae’ altomedieval e as orixes da monarquía nacional feudal de Galicia (1037-1139 e.c.)”, sendo clarificadoras as súas explicacións sobre a orixe doutros reinos cristiáns peninsulares. E sobre unha das súas especialidades afonda Xosé Andrade Cernadas: “En permanente reforma: o monacato na Galicia medieval”; así como na lírica trobadoresca mergulla Mercedes Brea e sobre a prosa medieval galega Xosé Ramón Pena. Carlos A. González Paz achega unha “Contribución á socioeconomía agraria da Galicia medieval”, e céntrase na viticultura nas terras de Mondoñedo; e Eduardo Pardo de Guevara informa das “Vellas e novas liñaxes do Reino de Galicia” circunscritas aos séculos XIII e XV.

O relatorio de López Carreira vén a abordar “O lexitimismo galego entre Portugal e Inglaterra”, após a morte de Pedro I en Montiel; Antón X. Meilán afronta a figura de “Pardo de Cela e o Estado Moderno”, e Pegerto Saavedra analiza “As Xuntas de Galicia e o final do Reino”. Pola miña banda, colaboro cun relatorio sobre “O Reino de Galicia na heráldica europea”, facendo fincapé na evolución do noso escudo e as súas variantes.

Transcribir mil documentos medievais galegos

Como reflexión final no libro incorpórase “Unha modesta proposición: transcribir mil documentos medievais galego”, da autoría de Alexandra Cabana Outeiro. Esta autora retoma aquelas palabras iniciais de López Carreira sobre a ocultación da historia do Reino da Galiza traéndonos á crúa realidade actual: “apenas hai coñecementos históricos sobre a Galicia medieval no ensino secundario e no bacharelato”. Por conseguinte, demanda a creación de libros de divulgación histórica, pero tamén xeográfica e da arte galega, desde unha perspectiva propia que poidan axudar ao profesorado de infantil e secundaria.

Para iso, cumpriría crear unha canle de relación entre centros de investigación e a Universidade co obxecto de suplir tal carestía. Este relatorio, quizais un dos máis emotivos, deixa no aire unha cuestión, talvez un berro: “ao igual que a lingua, a nosa historia escápasenos entre os dedos se non lla podemos contar á xente nova, que será a nosa memoria no futuro”.

Ademais propón a “creación dun proxecto nacional de edición de fontes documentais medievais”, a dixitalización e acceso público ás nosas fontes documentais, a “liberación da documentación da súa xestión polas institucións”, alén doutros asuntos de interese, xunto coa “xestión nacional galega” da documentación que nos é propia e fica fóra da Galiza.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios