A CIG-Ensino denuncia ante a Inspección de Traballo as "ilegalidades" durante a folga indefinida en Beatriz Seijo Art Studio

O sindicato remitiulle o escrito á autoridade laboral ao vulnerarse o dereito á folga das traballadoras substituíndoas por persoal interno, como determinan diversas sentenzas do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo.
Protesta da CIG-Ensino. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta da CIG-Ensino. (Foto: Nós Diario)

A CIG-Ensino vén de remitir un correo á xerencia da empresa Beatriz Seijo Art Studio + Gallery anunciando que ía presentar denuncia ante a Inspección de Traballo por vulneración do dereito á folga das traballadoras. Cando fai sete días o inicio da folga indefinida, secundada polo 90% do persoal docente e o 80% do persoal total, constátase que a dirección da empresa está substituíndo por persoal interno as compañeiras en folga, concretamente durante as clases de creatividade infantil celebradas a cuarta e sexta feira da semana pasada, o sábado e esta segunda feira, e tamén as aulas de creatividade xuvenil, a pasada quinta feira.

No escrito dirixido á Inspección de Traballo explícase que se lle pediu á empresa que cesara esta actitude de abuso e vulneración do dereito á folga lembrándolle que varias sentenzas do Tribunal Constitucional indican expresamente que non se pode realizar esta substitución do persoal en folga por traballadores e traballadoras internos. En concreto, as STC 123/1992 e a STC 033/2011 sentan xurisprudencia sobre este asunto: "A substitución do traballo que debían desempeñar as/os folguistas por parte de quen en situacións ordinarias non ten asignadas tales funcións, nula ou aminora a presión exercida lexitimamente polos traballadores en folga a través da paralización do traballo". Así mesmo, a STC 123/1992 consideraba "ilícita a medida de substitución dos traballadores en folga por quenes non a secundaron" e outra máis recente do TS (STS 3 de febreiro de 2021 rec. 36/2019) recolle tamén na súa literalidade este feito.

O comité de folga insta a empresa a cesar esta actitude e a sentar, desde a boa fe negociadora, para intentar solucionar un conflito que satisfaga as partes e poder así reiniciar a actividade da empresa con total normalidade. Insiste en que é preciso readmitir a traballadora despedida, que estivo un ano como falsa autónoma prestando funcións para a empesa, modificar a categoría profesional das traballadoras que son profesoras titulares de creatividade infantil e que están contratadas por categorías inferiores como a de monitoras, regularizar a antigüidade, a xornada e o rexistro horario de todo o persoal, equiparar salarialmente a todo o persoal que realiza as mesmas función, así como reducir as rateos nas aulas e contar cun plan de seguridade para as distintas actividades que se levan a cabo no centro. 

Comentarios