A fenda salarial co Estado español perpetúase: así foi a evolución dos soldos na Galiza

Os salarios medios galegos supoñen 88% dos rexistrados no conxunto do Estado español, unha fenda nas retribucións que percibe a clase traballadora da Galiza que se mantivo intacta desde o ano 2001 e que durante os últimos anos incluso se incrementou.

Os salarios anuais medios na industria galega son case 3.000 euros máis baixos que no conxunto do Estado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os salarios anuais medios na industria galega son case 3.000 euros máis baixos que no conxunto do Estado. (Foto: Nós Diario)

Os custos salariais medios (que inclúen salario base, complementos e horas extraordinarias en termos brutos) aumentaron 5% na Galiza no segundo trimestre de 2024 con respecto ao mesmo período do ano anterior, un punto porcentual máis que a media do conxunto do Estado, de 4%. 

Porén, segundo os datos publicados esta terza feira tanto polo Instituto Nacional de Estatística (INE) como polo Instituto Galego de Estatística (IGE), os custos salariais medios, que alcanzaron na Galiza os 2.062,78 euros por persoa traballadora e mes, seguen sendo inferiores aos estatais, que chegaron aos 2.353,59 euros, 290,81 euros máis que o dato galego. De feito, a Galiza é a quinta autonomía pola cola, con Canarias coa cifra máis baixa (1.873 euros), o que contrasta no outro extremo cos 2.885 euros da Comunidade de Madrid.

Por outra parte, os custos laborais medios por persoa traballadora e mes (que inclúen os salarios e as cotizacións sociais) subiron 4,8% na Galiza no segundo trimestre de 2024, alcanzando os 2.815,67 euros, por riba da alza de 4,1% no conxunto do Estado. Con todo, en termos absolutos, a cifra estatal, que se elevou a 3.161,6 euros e superou por primeira vez o limiar dos 3.100 euros, sobrepasou en máis de 300 euros o dato galego.

Por hora efectiva, os custos laborais foron de 21,26 euros na Galiza (+3,5%), dous euros menos que os 23,68 euros rexistrados a nivel estatal (+2%). No caso dos custos salariais, a hora supuxo 15,58 euros na Galiza (+3,7%) fronte aos 17,63 euros de media no Estado (+1,9%). Os outros custos (as cotizacións obrigatorias á Seguridade Social e as percepcións non salariais como as indemnizacións e as prestacións sociais) traducíronse no segundo trimestre en 752,89 euros na Galiza (+4,3%, mesma taxa que no conxunto do Estado español, onde alcanzaron 808,01 euros). Estes custos, no cálculo por hora efectiva, foron de 5,68 euros na Galiza e de 6,05 euros a nivel estatal.

Xornada laboral

A xornada laboral media foi de 35,1 horas semanais na Galiza, cun 88% do tempo traballado de forma efectiva. Pola súa parte, a xornada semanal no conxunto do Estado español foi máis curta, de 34,8 horas, cunha porcentaxe de tempo efectivo similar. 

A xornada laboral media a nivel galego foi de 35,1 horas semanais

Así, o custo laboral por xornada efectiva aumentou 3,5% a nivel galego e 2% a nivel estatal. Ademais, a Galiza presentaba no segundo trimestre de 2024 un total de 7.630 vacantes, 5% do total das 151.379 que existían no conxunto do Estado español.

Sectores

Desagregando segundo sectores de actividade económica, o custo laboral medio na Galiza aumentou no segundo trimestre de 2024 con respecto ao mesmo período do ano anterior tanto na industria (+4,4%) como na construción (+3,8%) e nos servizos (+5,1%). Pola súa parte, o custo salarial medio tamén aumentou nos tres sectores (+5,3% na industria, +3,6% na construción e +5,1% nos servizos). Ademais, a suba xeneralizada tamén se deu nos outros custos (+2,3% na industria, +4,1% na construción e +5% no caso dos servizos).

Na comparanza por sectores co Estado español, o salario medio galego na industria alcanzou os 27.624,74 euros por persoa traballadora e ano na Galiza en 2023, 2.826,34 euros anuais menos que os 30.451,08 rexistrados a nivel estatal. No sector da construción, o soldo medio o pasado ano chegou aos 24.341,71 euros anuais, 900,29 euros menos que os 25.242 a nivel estatal. Pola súa parte, nos servizos, o salario medio anual foi de 22.404,28 euros ao ano, 3.592,3 euros menos que o soldo medio do sector no Estado español, de 25.996,58 euros.

Mesma fenda que en 2001 e maior que hai cinco anos

A comezos de século, no ano 2001, o custo salarial medio anual, é dicir, o que cada traballador e traballadora percibe do seu pagador en concepto de soldo, era de 14.582,51 euros na Galiza. Esta cifra supuña 88% da contía rexistrada (16.561,40 euros) no conxunto do Estado español, unha relación entre os custos salariais galegos e estatais que permaneceu intacta desde aquela altura, pois os 23.422,51  euros de media que alcanzou a Galiza en 2023 seguen sendo exactamente 88% do dato rexistrado o pasado ano a nivel estatal (26.555,89 euros anuais).

A situación comparativa dos salarios galegos con respecto aos estatais é aínda peor ao cinguirse á evolución da última década (2014-2023). Nos últimos 10 anos, o custo salarial galego pasou de significar 89% do estatal en 2014 a retrotraerse á fenda de comezo de século en 2023.

Este descenso do peso relativo dos soldos galegos na comparativa cos estatais é aínda maior ao ter en conta o último lustro, pois en 2019 supuñan 90% dos salarios medios do Estado, dous puntos porcentuais máis que o dato rexistrado en 2023 (88%). 

A inflación subiu por encima dos soldos na Galiza Desde o ano 2001

Por outra parte, a serie estatística sobre o aumento dos custos salariais do IGE amosa a evolución por sectores desde 2001. Neste sentido, a industria rexistrou os maiores salarios, pasando de 15.904,79 euros anuais de media a 27.624,74 euros en 2023, cun incremento de 73,7% desde o comezo do século. A evolución na construción foi de 13.095,21 a 24.341,71 euros (+85,9%), mentres que nos servizos foi de 14.347,02 a 22.404,28 euros (+56,2%). A nivel xeral, os soldos medios entre 2001 e 2023 creceron de 14.582,51 a 23.422,51 euros,  cunha suba de 60,1%, menor que a da inflación (+64,1%).

Aumentan as execucións hipotecarias sobre vivendas no segundo trimestre

Onúmero de execucións hipotecarias sobre vivendas situouse en 97 entre abril e xuño deste ano na Galiza, o que supón 3,2% máis respecto á cifra do segundo trimestre do exercicio anterior (entón houbo 94), segundo os datos publicados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Esta suba contrasta coa baixada de 17,5% no Estado español, un dato que supuxo a cifra máis baixa nun segundo trimestre desde o ano 2020.

En comparación co primeiro trimestre deste ano, as execucións hipotecarias eleváronse 22,8% con respecto ás 79 dos primeiros tres meses do ano 2024. Destas 97 execucións, 87 foron sobre vivendas usadas e 10, sobre novas. Por tipo de titular, 77 eran de persoas físicas e 20 de persoas xurídicas. Ademais, no segundo trimestre do ano iniciáronse execucións hipotecarias na Galiza sobre un total de 153 inmóbeis: as citadas 97 vivendas, 14 solares, 36 doutro tipo urbano e seis predios rústicos.

Por outra parte, o Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG) informou esta terza feira de que o visado de vivenda nova experimentou un incremento de 36% no primeiro semestre deste ano. Así se recolle no Informe de Datos de Visado do Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España (CSCAE). Este incremento contrasta co descenso de 9,5% das obras de rehabilitación entre xaneiro e xuño, segundo indicou o COAG nun comunicado. Ante estas cifras, o Colexio de Arquitectos da Galiza urxiu "activar a conciencia rehabilitadora entre a cidadanía galega", para o que demanda mecanismos de concesión de axudas para a renovación das vivendas.

Comentarios