A Policía Local de Rianxo denuncia o presidente e unha activista da Mesa por “inxurias”

O xulgado de Padrón investiga, por presuntas inxurias á Policía de Rianxo,a Marcos Maceira e Sara Seco, que denunciaron a información falsa e posterior sanción a un cidadán de Rianxo que solicitou atención en galego.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: A Mesa)
photo_camera Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: A Mesa)

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), Marcos Maceira, e a activista desta organización, Sara Seco, deberán comparecer o vindeiro mes de marzo ante o xulgado en calidade de “denunciados-investigados” acusados pola Policía Local de Rianxo de “inxurias”.

En declaracións a Nós Diario, Maceira indicaba esta terza feira que a Policía Local xa anunciara no seu momento que ía denuncialo por “inxurias”, a raíz do co caso do veciño de Rianxo Xosé Agrelo, multado no seu día con 600 euros por reclamar ser atendido en galego no centro de saúde da localidade da comarca do Barbanza. A xustiza rebaixou finalmente aquela multa a 150 euros.

Agrelo reclamara en 2021, nun cribado da Covid, o dereito a ser atendido en galego, o que acabou coa presenza de axentes da Policía Local no lugar. Neste tema A Mesa sinalara a resposta da Policía Municipal de Rianxo ao veciño, "que no seu atestado admite ter mentido sobre as garantías de exercicio dos dereitos lingüísticos da cidadanía, ao dicirlle que non ten dereito a solicitar se atendido en galego”.

En declaracións a Nós Diario en xuño, a raíz do xuízo ao veciño rianxeiro,, Maceira afirmana que na sanción imposta a Xosé Agrelo confluían dúas accións complementarias de ambas as dúas administracións. "Por unha parte a Xunta non garante o dereito a unha atención en galego e por outra o Estado multa a quen reclama o exercicio dos seus dereitos en materia lingüística".

Lembraba o presidente da Mesa Maceira  que "recentemente" se produciu outro caso dunha persoa que "tivo un incidente" na comisaría de Polícia de Pontevedra por cuestións lingüísticas e que no verán houbo un xuízo pola vía penal en Ourense contra un grupo de persoas "que están acusadas de defender a normativa vixente en relación á toponimia".

Comentarios