O BNG fala de "tormenta perfecta" no transporte e pide á Xunta que endureza as sancións contra as concesionarias de bus

Os diputados do BNG Paulo Ríos e Iria Carreira na estación intermodal de Santiago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os diputados do BNG Paulo Ríos e Iria Carreira na estación intermodal de Santiago. (Foto: Nós Diario)

O BNG reclama á Xunta que endureza as sancións contra as concesionarias de liñas de autobús por incumprimentos dos servizos ante os problemas que, sumados aos que tamén acumula o ferrocarril, ocasiona unha "tormenta perfecta" no transporte de viaxeiros na Galiza.

Así o denunciou o deputado nacionalista Paulo Ríos en declaracións aos medios na estación intermodal de Santiago na mañá desta cuarta feira acompañado pola tamén deputada na Cámara galega Iria Carreira e responsábeis locais da organización frontista na comarca de Santiago.

Colapso

Ríos acusou o Goberno galego e ao Executivo estatal de provocar unha "tormenta perfecta" pola ausencia de solucións aos problemas que se están rexistrando nas liñas de autobuses e de ferrocarril e que afecta "a miles" de persoas usuarias do transporte público.

O parlamentario puxo como exemplo o acontecido a pasada sexta feira en Santiago de Compostela, cando "até 200 persoas" quedaron "sen poder moverse en autobús ou tren, buscando billetes onde non os había e uns reforzos da Xunta que non chegaron".

Para o Bloque, o ocorrido na capital galega é "só un exemplo" do que pasa "día a día en moitísimas localidades" da Galiza: "Xente tirada nas paradas sen poder ir traballar ou estudar" por problemas no transporte relacionadas á falta de frecuencias, carencias de prazas ou atrasos.

A iso sumou os problemas "e incumprimentos" nos servizos ferroviarios, responsabilidade dun Goberno do Estado "que non está a atender correctamente esta cuestión".

Así as cousas, Paulo Ríos puxo como deberes á Xunta que vaia máis aló de enviar "cartas" ás empresas concesionarias para que reforcen os seus servizos e "endureza" as sancións en caso de incumprimentos por parte de compañías que, ao seu xuízo, son "encubertas" por ser "amigas do PP, como é o caso de Monbus", precisou.

Incidencia en Renfe

Esta mesma cuarta feira, un fallo técnico no tren Vigo-A Coruña das 06.15 horas provocou unha nova incidencia con pasaxeiros esperando a ser recolocados.

Desde Renfe confirmaron a Europa Press que este tren, que presta habitualmente servizo en dobre composición (circulando dous trens axustados) fíxoo esta mañá en sinxelo (coa circulación dun só). Así xustificaron que moitos pasaxeiros non puideran ir ao seu destino no horario previsto e tiveron que esperar outras alternativas para poder viaxar. Renfe explicou que foi algo "puntual por unha incidencia técnica".

Fontes da compañía indicaron que se tentou buscar desde primeira hora medios alternativos "o que non foi posíbel xa que non se atoparon autobuses dispoñíbeis". Para garantir a chegada de todos os viaxeiros a destino, foron recolocados noutras circulacións".

Comentarios