EXCLUSIVA | O TSXG anula a concesión da Xunta para o desenvolvemento dunha mina de feldespato en Muras

Na sentenza, o TSXG sinala que decide "estimar o recurso contencioso-administrativo interposto polo representante procesual do Concello de Muras contra a resolución do director xeral de Planificación Estratéxica e Recursos Naturais da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Economía, Industria e Innovación do 19 de decembro de 2022".
Protesta veciñal na mina de San Acisclo en Muras (A Terra Chá) pola suspensión da actividade mineira en marzo do ano pasado. (Foto: SLG).
photo_camera Protesta veciñal na mina de San Acisclo en Muras (A Terra Chá) pola suspensión da actividade mineira en marzo do ano pasado. (Foto: SLG).

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), nunha sentenza con data do 13 de setembro de 2024 e á que tivo acceso Nós Diario en exclusiva, decidiu anular a concesión emitida pola Xunta da Galiza para autorizar o desenvolvemento dunha mina de feldespato no municipio de Muras (A Terra Chá), aceptando o recurso interposto anteriormente por parte do Concello.

Así, na sentenza, o TSXG sinala que decide "estimar o recurso contencioso-administrativo interposto polo representante procesual do Concello de Muras contra a resolución do director xeral de Planificación Estratéxica e Recursos Naturais da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Economía, Industria e Innovación do 19 de decembro de 2022, ditada por delegación do seu titular, que aprobou o proxecto de explotación e o plan de restauración da concesión de explotación de recursos da Sección C da mina denominada 'Ampliación a San Acisclo', instado pola sociedade mercantil 'Materiales Cerámicos Materias Primas SL', que anulamos".

A primeira concesión de explotación de feldespato na contorna, emitida no franquismo pola Dirección Xeral de Minas do Ministerio español de Industria, data do 24 de abril de 1969. Posteriormente, en 2007, foi transmitida co beneplácito da Xunta a Materiales Cerámicos SL, e en 2019, a Materiales Cerámicos e Materias Primas SL, firma que solicitou o 2 de setembro de 2020 a aprobación do proxecto de explotación e do plan de restauración desa concesión aprobado polo Goberno galego.

Fronte a esa resolución da Xunta en 2022 presentou recurso o Concello de Muras con fundamento en tres motivos de nulidade. O primeiro, que o proxecto tiña que someterse á previa avaliación ambiental estratéxica ordinaria, dados os impactos medioambientais da mina, a superficie da explotación e súa visibilidade, sen que se puidese acoller á excepción pola continuidade na actividade mineira, ao non executarse nin total nin parcialmente. O segundo, porque a concesión caducara ao levar máis de 15 anos sen actividade. E o terceiro, porque existían graves impactos de tipo ambiental e patrimonial.

A Xunta "ignorou toda as anomalías"

Neste sentido, resolve a sentenza, a autorización emitida pola Xunta en 2022 "non só ignorou todas as anomalías que xa constaban -merecedoras da paralización dese procedemento para incoar un de caducidade-, senón que tampouco someteu o proxecto á preceptiva avaliación ambiental estratéxica ordinaria". Con todo, a resolución non é firme e contra ela pódese presentar un recurso.

Comentarios