O financiamento a debate

Xosé Díaz: "Co actual sistema de financiamento, desde 2009 o Estado succionou á Galiza 59.364 millóns"

Esta sexta feira reuniranse o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o galego, Alfonso Rueda, co financiamento autonómico no centro do debate político actual. As economistas e profesoras da USC María Cadaval e María Bastida e o economista e presidente da Comisión de Economía do Parlamento durante a V Lexislatura (1997-2001), Xosé Díaz, expoñen a Nós Diario os seus puntos de vista sobre a necesidade de reforma deste modelo e o papel que Galiza debe ter.
O economista Xosé Díaz, esta cuarta feira na libraría Couceiro, en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera O economista Xosé Díaz. (Foto: Arxina).

—Sobre que criterios se fundamenta o actual sistema de financiamento do que fai parte Galiza?
O sistema de financiamento que padece Galiza é produto dunha descentralización de carácter administrativa, non política, como demostra o seu fundamento do sistema chamado de "entregas a conta", que non son máis que unhas previsións que realiza o Estado ao comezo da elaboración dos seus orzamentos, seguindo a Lei do sistema de financiamento, sobre o rendemento "cedido" do 50% do IRPF e do IVE e do 58% dos Impostos especiais, ademais de dúas transferencias, cuxo total monetario vai entregando ao Goberno galego mensualmente para atender o seu funcionamento.

—Vostede ten considerado moi lesivo para Galiza o actual sistema de financiamento, por que?
O sistema de financiamento caracterízase por estar fundamentado nunha serie de falacias e falsificacións para agochar a succión de recursos que procura o Estado a conta da Galiza pola vía do sistema de financiamento. Neste sentido, defínese a capacidade fiscal da Galiza como a parte cedida dos tributos e non a totalidade dos impostos recadados na Galiza. Por exemplo, no último ano liquidado, 2022, os tributos "cedidos" foron de 6.695 millóns, mentres os impostos reais soportados pola Galiza foron como mínimo de 15.385 millóns. A diferenza entre estas cifras, 8.690 millóns, é a 'succión' de impostos que realiza o Estado coa Galiza.

Se descontamos as tres transferencias que recibe o país por valor de 3.346 millóns de euros, obtemos que a 'succión' definitiva do Estado nese ano foi de 5.344 millóns de euros. E se facemos as contas do actual sistema de financiamento, nado en 2009, até 2022, o Estado succionou nada menos que 59.364 millóns, para un PIB galego de 69.820 millóns nesa anualidade. Todo isto é indicativo papel de perdedor permanente da Galiza e das moitas cousas que se poderían resolver no benestar e no sistema produtivo integral galego con semellante evasión de recursos da que aquí estamos a falar.

—Defende desde hai moitos anos a conveniencia dun sistema de concerto para Galiza, en base a que fundamenta esa posición?
O sistema de tipo concerto foi defendido historicamente polas Irmandades da Fala e polo Partido Galeguista. A propia Constitución recoñece a Galiza, xunto con Euskadi e Catalunya, como "nacionalidade históricas". Polo tanto, quen entende que Galiza é unha nación debe aspirar a un sistema de financiamento que corresponda a esa condición, e dentro do Estado actual iso implica a reivindicación dun sistema de concerto, ou como se lle queira chamar nestes tempos, para evitar problemas de carácter constitucional. Galiza debe contar cunha Axencia Tributaria propia que recade todos os impostos que soporta, evitando a 'succión' dos tributos e exixindo inmediatamente as múltiples transferencias pendentes.

Comentarios