O financiamento a debate

María Bastida: "A quita da débeda debería ser avaliada na Galiza no mesmo marco xeral que se está discutindo a de Catalunya"

Esta sexta feira reuniranse o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o galego, Alfonso Rueda, co financiamento autonómico no centro do debate político actual. A economista e profesora da USC María Bastida expón a Nós Diario o seu punto de vista sobre a necesidade de reforma deste modelo e o papel que Galiza debe ter.
A economista María Bastida. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A economista María Bastida. (Foto: Nós Diario)

—Está Galiza infrafinanciada? 
Algunhas análises sosteñen que Galiza non recibe suficiente diñeiro en comparación coas súas necesidades. Isto débese a que ten unha poboación máis envellecida e dispersa, o que fai que sexa máis caro ofrecer servizos como sanidade ou transporte. Por tanto, Galiza está relativamente infrafinanciada en termos do que realmente necesita para cubrir eses gastos. A pesar disto, non está tan mal no sistema actual de financiamento, posto que o sistema recoñece que Galiza ten máis necesidades de gasto, o que lle dá unha mellor posición en relación con outras comunidades que non teñen eses problemas. Noutras palabras: se o novo sistema de financiamento dá máis peso á capacidade de recadar impostos en lugar de ás necesidades reais, Galiza sairía perdendo.

—Precisa Galiza un financiamento singular?
Galiza ten características que xustifican unha atención especial no sistema de financiamento autonómico, mais unha solución podería non necesariamente pasar por un modelo completamente singular ou independente. Podería ser máis adecuado revisar e axustar os mecanismos existentes para que o sistema teña en conta as necesidades específicas de rexións como Galiza, asegurando que se recoñeza tanto a súa menor capacidade fiscal como as súas maiores necesidades de gasto derivadas das súas características sociodemográficas. 

—Outro debate actual é o da condonación da débeda.
Esta proposta, no caso da Galiza, debería ser avaliada baixo o mesmo marco xeral que se está discutindo para outras comunidades como Catalunya. En principio, a condonación da débeda podería facerse per cápita; é dicir, distribuír o 'perdón' da débeda de maneira proporcional ao número de habitantes de cada comunidade, evitando así a percepción de agravios comparativos. Condonar a quen incumpriu todo e acudiu aos fondos estatais prexudica aqueles que non o fan e que apenas teñen débeda que condonar. Esa non é a vía adecuada, xa que resulta inxusta e castiga as comunidades que foron fiscalmente responsábeis mentres premia as que tiveron unha mala xestión.

—O Consello de Contas advirte de que existe na Galiza un déficit de financiamento dos servizos públicos.
A solución a este problema implica abordar varias áreas clave que actualmente non reflicten adecuadamente as necesidades específicas da Galiza. Un modelo de financiamento máis equilibrado debería nivelar os recursos asignados ás comunidades autónomas de acordo cos seus custos reais, asegurando que Galiza conte cos fondos necesarios para cubrir os seus servizos esenciais. Outro compoñente crucial desta reforma é a revisión do cálculo da poboación axustada, que é o indicador utilizado para distribuír os recursos entre as comunidades, tendo en conta de maneira precisa os factores que realmente condicionan os gastos na Galiza, como a dispersión poboacional e o envellecemento. Por último, é fundamental optimizar o Fondo de Compensación Interterritorial, asegurando que Galiza reciba o financiamento adecuado para investimentos produtivos.

Comentarios