Loito no atletismo galego polo falecemento, aos 82 anos, do ex atleta e técnico Virgilio González Barbeitos

O ponteareán, con só 19 anos, encadeou até cinco récords estatais nos 400 metros lisos, a proba na que se especializou, en apenas tres meses, deixando finalmente a plusmarca en 47.5 segundos.
O atleta ponteareán Virgilio González Barbeitos. (Foto: RFEA)
photo_camera O atleta ponteareán Virgilio González Barbeitos. (Foto: RFEA)

O ex atleta e adestrador ponteareán Virgilio González Barbeitos faleceu na madrugada desta cuarta feira aos 82 anos de idade por mor dunha grave enfermidade que lle fora detectada unhas semanas atrás. Destacou nas pistas durante a década de 1960 e contribuíu, canda outros destacados representantes deste deporte como Ramón Magariños ou Carlos Gayoso, a elevar o atletismo galego ao máis alto. Con só 19 anos encadeou até cinco récords estatais nos 400 metros lisos, a proba na que se especializou, en apenas tres meses, deixando finalmente a plusmarca en 47.5 segundos.

González Barbeitos proclamouse campión estatal nesta distancia en 1960 e 1961, e repetiu no máis alto do podio da competición seis anos despois nunha proba máis exixente, a dos 800 metros. E na remuda de 3 x 1.000 metros dos Xogos Europeos de 1968 conseguiu, canda Enrique Bondía e Alberto Esteban, unha prata e un novo récord: 7:23.6.

O ponteareán foi internacional absoluto até en 25 ocasións ao longo daquela década, salientando o segundo posto co que concluíra o 4 x 400m dos Xogos do Mediterráneo de 1963 e a mesma clasificación que logrou nesta proba no certame decorrido catro anos despois en Túnez, unha cita da que voltou á Galiza tamén cun bronce nos 800m.

Colgou as zapatillas en 1968 mais decidiu continuar nas pistas de atletismo, pois entón iniciou unha frutífera traxectoria como adestrador que se negou a abandonar até os seus últimos días. Iniciouse como técnico en Madrid, e entre os seus pupilos destacou o ex dirixente socialista Alfredo Pérez Rubalcaba, finado en 2019. Tamén foi crucial na formación de importantes atletas galegos como José Ramón Rey, Virginia Villar ou Javier Fidalgo.

Desde a Federación Galega de Atletismo quixeron trasladar esta cuarta feira o seu "máis profundo pesar e sentir" aos familiares e achegados de González Barbeitos, un dos "máis queridos e importantes membros" da institución.

Comentarios