Un cantar ao vento: de Keltoi a Fillas de Cassandra ou C. Tangana, o Celta e a música van da man

O pasado 7 de setembro As Celtas, o novo equipo feminino do Celta, debutaba en competición oficial no estadio de Balaídos. O dúo local Fillas de Cassandra fixo unha breve actuación durante o descanso e, así, aumentou a xa ampla lista de músicas relacionadas co club.
Actuación das Fillas de Cassandra en Balaídos. (Foto: RC Celta)
photo_camera Actuación das Fillas de Cassandra en Balaídos. (Foto: RC Celta)

"Foi un día histórico porque por fin se deu ás mulleres un espazo que se levaba reclamando dende había moito tempo; era unha débeda con todas nós". Quen fala é Sara Faro, unha das integrantes de Fillas de Cassandra. O dúo vigués, un dos máis salientables da música galega nos últimos anos, encargouse de amenizar o descanso do primeiro partido oficial das Celtas, que tivo lugar no estadio de Balaídos o pasado sábado 7 de setembro. Todo foron boas novas: o equipo local gañou por dous a cero ao Victoria e Sara cumpriu o soño de cantar sobre o céspede.

"Veño dunha familia moi celtista. A primeira canción que compuxen na miña vida foi un himno para o Celta, pero cos anos funme afastando por todo o que rodea este deporte. Serviume para reconciliarme co Celta, pero rodeada de mulleres", explica. Non pecha a porta a futuras colaboracións co club vigués e, sobre todo, coas Celtas: "Nunca se sabe. A partir da existencia dun equipo feminino nós queremos estar presentes para o club da nosa cidade, sobre todo para elas".

Ata este ano o Celta era dos poucos clubs de Primeira División sen o seu homólogo feminino, algo que a actual presidenta, Marián Mouriño, cambiou en canto ocupou o cargo. Antes do amentado debut contra o Victoria FC, a entidade olívica compartiu nas súas redes un vídeo no que soaba unha versión renovada de Xa están aquí, tema que Os Resentidos publicaron en 1991. O propio Antón Reixa, que participou nesta actualización xunto co produtor Iago Pico (Tanxugueiras), admitiu que lle gustaba máis o equipo feminino ca o masculino, “que son máis marrulleiros, tíranse a piscina”. A idea de recuperar este tema foi de Gael García, responsable de contidos do Celta e ex membro de bandas como Martynez ou Basanta.

Na mesma década na que xurdiron Os Resentidos fixeron o propio os Siniestro Total. Entre todos os himnos que nos deixaron (Miña terra galega, Bailaré sobre tu tumba...), tamén había unha proposta celtista: El trueno azul, unha versión do Thunderstruck de ACDC. O tema nunca chegou a gravarse como é debido, polo que non se asentou entre os seareiros e seareiras celestes. De feito, a maioría descoñecen a súa existencia. Tampouco axuda a belixerancia da letra: "¿Qué coño deporte? ¿Qué coño espectáculo? Hay que humillarlos, mandarlos al hospital".

Tamén nos anos 80 comezou a despuntar, con grupos como Los Buzos ou Bromea o Qué, o vigués Nicolás Pastoriza. Co gallo da publicación da biografía de Aleksandr Mostovoi en 2014, Diez años sin el 10, Pastoriza homenaxeouno con Z.A.R.: “No hay calles, no hay parques que lleven su nombre; no hay una estatua vulgar”. En 1999, cando o Celta se xogaba o acceso a postos de Champions, outro fillo da Movida, Alberto Comesaña (Semen Up), fixo unha prescindible canción que non sabemos se pretendía animar ou desmotivar o equipo.

Non se pode falar de música e Celta sen citar A Roda, responsables do himno orixinal e doutras pezas emblemáticas como A foliada do Celta. Do folk ao punk, seguiu os seus pasos varias décadas despois Keltoi!, cuxas cancións Unhas cores, un sentimento e 1923 tornáronse himnos oficiosos. Falando de punk, hai un ano editouse 'O celta somos nós. Un tributo punkrockeiro ao celtismo', no que participan algunhas das bandas xa amentadas e mais Thee Tumbitas, Dakidarría ou Falperrys, entre outros.

Cando hai dous anos comezou a soar o nome de C. Tangana para encargarse do himno do centenario, moitos dubidaron desta decisión. Un deles foi Sime, vocalista de Keltoi!: "Nós estamos musicalmente nas antípodas do que fai acotío Pucho. Puxémonos en contacto por amigos comúns, a xente de Tropas de Breogán. Pensamos que igual nos usaban para branquear o tema", comentou o día da presentación da Oliveira dos cen anos. Ao ver que o tema estaba escrito en galego e o respecto co que Pucho se estaba achegando á música galega, o cantante non dubidou en participar.

O himno de Tangana conseguiu converter os ateos en crentes, como no caso de Sime, e acoller todo o celtismo nun tema colaborativo e subversivo que traspasou fronteiras e recibiu numerosos galardóns. Esta mesma terza feira o videoclip da Oliveira foi designado candidato aos Latin Grammy. "Esa unión de voces que se dá cada vez que soa en Balaídos é do máis emocionante. Tamén é moi importante que sigamos apostando pola música en galego nos campos de fútbol e na Galiza", engade Sara Faro, cuxa música soa habitualmente a través da megafonía durante os descansos dos partidos.

Catro décadas de grandes concertos no tempo celeste

Fillas de Cassandra foron as últimas artistas en pisar o verde de Balaídos, pero non as primeiras. O estadio vigués albergou, ao longo das últimas catro décadas, concertos de grandes estrelas internacionais como o de Madonna en 1990, BB King e Dire Straits en 1992, Carlos Santana e The Rolling Stones en 1998, Muse en 2022 e Guns N'Roses, con polémica contractual de por medio, no pasado ano 2023.

Tamén tiveron ese privilexio importantes artistas da terra, como Luz Casal, a encargada de abrir o concerto de Miguel Ríos en 1983, ou Siniestro Total, que fixo o propio no de Madonna sete anos despois. Ademais, A Roda, Milladoiro e Astarot participaron no grande acto polo 75º aniversario do Celta, en 1998, unha festa na que foron vetados os Heredeiros da Crus co pretexto de "non enturbar a noite". E, por último, as Killer Barbies exerceron tamén de abreconcertos para os británicos Muse hai dous anos.

Noutros eventos, como a celebración de ascensos, permanencias e demais festas futbolísticas que protagonizou o Celta nos últimos tempos, pisaron o terreo de xogo Miguel Costas —un dos fundadores de Siniestro Total—, Keltoi! ou Broken Peach para animar o ambiente nas bancadas do estadio.

Outros himnos populares do fútbol galego

Mais o Celta non é o único club galego con banda sonora propia. A SD Compostela ten a Carlangas, ex de Novedades Carminha, como cara visible e axitador mediático; o Racing de Ferrol, a Calle Alcalá e XeRoots; o CD Lugo, a Iria Estévez, Vitaliano de la Cruz ou Manuel Pajón, e o Deportivo da Coruña tamén conta cunha importante lista de músicos adeptos: La Banda del Camión (autores do himno), Coego (Nos van a ver volver), Mar de fondo (1906, A forza de Hercules), Kike Varela DJ ou Xoel López, quen afirmou que non quere morrer sen facer o seu propio You’ll Never Walk Alone para o club branquiazul.

Comentarios