Compatibilidade da pensión co emprego e derivación da sanidade pública ás mutuas: así é nova reforma asinada por Pedro Sánchez

O Executivo estatal acordou esta cuarta feira con sindicatos e patronais estatais a compatibilidade da pensión de xubilación co traballo, coeficientes redutores da idade de xubilación en profesións perigosas e aproveitar os recursos das mutuas para o seu uso por parte da sanidade pública. A nova reforma das xubilacións foi asinada esta cuarta feira polo presidente do Goberno do Estado español con CCOO, UXT, CEOE e Cepyme.

Pedro Sánchez, Unai Sordo, Pepe Álvarez, Elma Saiz e Antonio Garamendi, esta cuarta feira na sinatura do acordo sobre pensións na Moncloa. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, Unai Sordo, Pepe Álvarez, Elma Saiz e Antonio Garamendi, esta cuarta feira na sinatura do acordo sobre pensións na Moncloa. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, asinou esta cuarta feira cos dirixentes dos sindicatos CCOO e UXT, Unai Sordo e Pepe Álvarez, e das patronais CEOE e Cepyme, Antonio Garamendi e Gerardo Cuerva, o acordo en materia de pensións alcanzado entre estas organizacións e o Ministerio español de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. 

O pacto asinado contempla tres apartados: a compatibilidade da pensión de xubilación co traballo, novos coeficientes redutores da idade de xubilación en profesións perigosas e o aproveitamento dos recursos das mutuas por parte da sanidade pública.

Na sinatura do acordo, que estabelece, entre outras medidas, un novo marco regulador de compatibilidade entre traballo e pensión, tamén estivo presente a ministra titular desta carteira, Elma Saiz, nun acto que tivo lugar nos xardíns do Palacio da Moncloa (Madrid). Tras a rúbrica só se produciu unha breve intervención ante a prensa do presidente do Goberno español. 

O Goberno estatal pon en valor a súa capacidade para negociar

O xefe do Executivo estatal destacou que este é o cuarto acordo de pensións que logra o seu Goberno cos chamados axentes sociais (un termo que deixa fóra outras organizacións sindicais e patronais, entre elas algunhas maioritarias, como é o caso da CIG, principal forza sindical da Galiza) desde 2020, cos que xa leva asinados 21 pactos, de diversas materias, desde que asumiu a Presidencia do Goberno.

"Son xa 21 grandes acordos alcanzados no marco do diálogo social desde que teño a honra de ser presidente", afirmou Sánchez, citando as medias en materia de emprego durante a pandemia, a suba das pensións ou a reforma do mercado laboral. "Acordos cruciais", subliñou.

"O valor de todos estes acordos vai máis aló do oportuno das medidas que inclúen. A gran virtude é o valor real do acordo, porque radica no que se acorda, que está destinado a perdurar", salientou. Ademais, o presidente do Goberno español asegurou que o acordo de pensións subscrito esta cuarta feira na Moncloa, que se logrou alcanzar o 31 de xullo entre as partes, servirá "para mellorar a vida da xente e para construír unha sociedade máis xusta".

Pola súa parte, Saiz destacou nun comunicado que este acordo "representa un paso adiante cara a un sistema de pensións máis flexíbel e adaptado ás necesidades da sociedade actual".

CCOO e UXT piden o apoio do Congreso a esta reforma

CCOO e UXT pronunciáronse sobre o contido do acordo sobre pensións e a necesidade de que sexa aprobado no Parlamento español. Con todo, o BNG e Bildu trasladaron á ministra a súa desconformidade co acordo. 

A reforma das pensións precisa a ratificación dos grupos políticos no Parlamento

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalou esta terza feira que rexeitaba os "novos recortes acordados" sobre as pensións, pactados coa patronal e os sindicatos estatais no seo do denominado "diálogo social". Rego criticou a opción dun proceso no que "o Goberno decide con quen quere negociar e faino con dúas organizacións sindicais estatais e dúas organizacións empresariais, vulnerando a Lei orgánica de liberdade sindical", criticando a exclusión de outros sindicatos maioritarios como a CIG, ELA ou LAB. A estas queixas sumouse onte o deputado de Bildu, Iñaki Ruiz de Pinedo, aproveitou esta cuarta feira a comparecencia de Saiz para dicirlle que desde Bildu non se senten "concernidos" con este acordo "nin nos contidos nin nas formas". 

Pola súa parte, o líder de CCOO, Unai Sordo, destacou que este pacto "mellora a regulación e o acceso á xubilación parcial en todos os sectores de actividade e nas Administracións públicas", á vez que "beneficia a calidade do emprego das persoas que as substitúen, promovendo unhas mellores condicións laborais. 

O líder de CCOO resaltou que o acordo incorpora medidas como a recuperación do coeficiente multiplicador de 1,5 para mellorar os períodos de cotización das persoas con contrato fixo descontinuo, de forma que cada día traballado cun contrato deste tipo computará como 1,5 días. Sordo espera agora unha pronta posta en marcha das medidas acordadas, que requiren actuacións directas do Goberno español ou desenvolvementos regulamentarios de normas xa aprobadas polas Cortes, así como que as modificacións parciais da Lei Xeral de Seguridade Social e do Estatuto dos Traballadores que se derivan do pacto sexan aprobadas no Congreso.

Neste sentido, o líder de UXT, Pepe Álvarez, afirmou que lle custaría entender que os grupos políticos non desen o visto e prace á reforma no contrato de substitución ou nas condicións para a xubilación dos fixos descontinuos. "Que saiban os grupos parlamentarios que imos defender o noso acordo de pensións", dixo. O Estado español "non pode ser refén das diferenzas políticas que hai nestes momentos. O Parlamento non pode secuestrar os dereitos dos traballadores impedindo que normas avaladas polos sindicatos e a patronal non vexan a luz sinxelamente porque o clima político non o permite", salientou.

A CIG di que o acordo "afianza a xubilación aos 67 anos"

Aínda á espera de ter acceso ao documento asinado polo Goberno estatal con catro organizacións patronais e sindicais do Estado español sobre a nova reforma das pensións, a CIG fixo unha primeira avaliación crítica do acordo. "Pola información publicada até agora, dificulta o acceso á xubilación parcial e non resolve as reivindicacións de colectivos laborais que padecen condicións de especial penosidade, perigosidade ou toxicidade", salienta a central sindical.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG: "O acordo afonda na privatización da sanidade pública ao ampliar os ámbitos de actuación das mutuas"

"Hai un recorte na medida en que as persoas traballadoras non se poden xubilar aos 61 anos, afianzando a xubilación ordinaria aos 67 anos, e continúan exixíndose carreiras de cotizacións moi longas que, nun mercado laboral precarizado como o actual, deixa a moitas persoas fóra deste dereito", explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

"Poder para as mutuas"

O secretario xeral da CIG denunciou que o acordo "afonda na privatización da sanidade pública ao ampliar os ámbitos de actuación das mutuas na xestión da saúde das persoas traballadoras". Ademais, Carril advertiu dunha "multiplicación dos efectos negativos da medida, xa que dar máis poder ás mutuas pode ser aproveitado pola Xunta como unha nova ferramenta para desmantelar o sistema sanitario público".

O BNG oponse ao acordo das pensións entendendo que "avanza nos recortes"

O BNG denunciou esta terza feira no Congreso dos Deputados os "novos recortes acordados polo Goberno do Estado" sobre as pensións, pactados coa patronal e os sindicatos estatais no seo do denominado "diálogo social". O deputado e portavoz nacionalista en Madrid, Néstor Rego, adiantou o seu 'non' á consolidación de medidas que considerou "regresivas" e "no avance de recortes", sinalando que a súa formación "non comparte o acordo nin na forma nin no contido".

"Non compartimos nin a forma nin o contido", asegura Néstor Rego

Rego criticou a opción dun diálogo social no que "o Goberno decide con quen quere negociar e faino con dúas organizacións sindicais estatais e dúas organizacións empresariais, vulnerando a Lei orgánica de liberdade sindical". Explicou o parlamentario galego que "no Estado español son cinco as centrais sindicais que teñen a condición de máis representativas: CCOO, UXT, CIG, ELA e LAB. Tamén se opón ao acordo porque se fai "á marxe de organismos institucionais como o Consello Económico e Social".

A respecto do contido do acordo, Rego dixo que "é unha nova reforma das pensións regresiva que consolida os recortes desde 2011 e que se agrava con novos recortes". De feito, denunciou, o texto "mantén a penalización para xubilacións anticipadas e séguense dispondo recursos públicos para incentivar a xubilación demorada".

Tamén prevé a reforma reducir en dous anos a posibilidade de xubilación parcial na industria manufactureira, que estaba en 61 anos e que agora se fixa que poderá realizarse catro anos antes da idade legal de xubilación; é dicir, 63 anos. Para Rego, aliás, "é gravísimo que se trasladen as probas diagnósticas e os tratamentos das incapacidades temporais de orixe traumatolóxica ás mutuas".
 

Comentarios