Pontón acusa a Rueda de antepor os intereses do PP aos da Galiza

A voceira do BNG urxe unha quita da débeda galega.
Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, esta cuarta feira. (Foto: BNG)

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, acusou a Alfonso Rueda de ser “o presidente da Galiza máis desleal da historia”, despois de que anunciase a decisión “absolutamente disparatada” de renunciar a unha quita da débeda da Xunta da Galiza que ascende a 12.397 millóns de euros, 2.311 dos cales son co Executivo do Estado.

Pontón afirmou que “o señor Rueda ten que explicarlle aos galegos e ás galegas como é posíbel que haxa un acordo que asinou o BNG, que consegue o que el non fai, que é negociar que o noso país teña exactamente o mesmo trato á hora de condonar a débeda que calquera outra comunidade, e que teñamos ao presidente da Xunta dicindo que el non vai aceptar unha redución da débeda”. Nesta dirección, aseverou que “para Rueda, o primeiro é o PP, despois o PP e despois o PP” e lamentou que “siga hipotecando o futuro do país polos seus intereses partidistas”.

“E como se o banco te chama para ofrecerche unha redución da túa hipoteca e ti dis que non”, indicou Pontón, quen lembrou “que o pago da débeda é a terceira partida de gasto máis alta de todos os orzamentos despois da sanidade e a educación”. Concretamente, o    

Goberno galego destina no seu orzamento de 2024 até 1.647 millóns de euros para facer fronte as súas  débedas, dos que 1.322 están dedicados a amortización de débeda, 188 millóns a pago de xuros e 137 millóns a facer fronte aos compromisos financeiros derivado da colaboración público-privada.

“Como que non temos un problema coa débeda?, como que a débeda non é un problema para os galegos e as galegas?”, preguntouse Pontón, que cualificou a posición do presidente da Xunta da Galiza como “o nunca visto”, porque “estamos falando dos cartos da xente deste país, de cartos que saen dos seus impostos, e é absolutamente inaudito e unha auténtico despropósito que o señor Rueda nos diga que non vai aceptar unha redución da débeda”.

Abel Losada

O secretario de Economía e Emprego do Partido dos Socialistas de Galicia, Abel Losada denunciou a negativa de Rueda a reducir a débeda galega, conforme ao pactado por nacionalistas e socialistas no acordo de investidura de Sánchez.

Nesta sentido, afirmou que o presidente galego “claramente antepón os seus intereses estratéxicos de política estatal aos intereses da Galiza e aos intereses dos galegos e as galegas” e criticouno por non “ter un proxecto de país, e non o ten en termos industriais, non o ten en termos territoriais e, lamentabelmente, tampouco o ten en termos financeiros”.

Comentarios