Declarados novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica en explotacións de cinco áreas veterinarias na Galiza

En explotacións bovinas de Arzúa, As Pontes, Santiago, Teixeiro e Terra de Melide.
Vaca afectada pola EHE na Fonsagrada. (Foto: M.L)
photo_camera Vaca afectada pola EHE na Fonsagrada. (Foto: M.L)

A Xunta da Galiza notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección de cinco novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), en explotacións bovinas das comarcas veterinarias de Arzúa, As Pontes, Santiago, Teixeiro e Terra de Melide.

Agás no caso de Arzúa, que por ser o primeiro da provincia foi confirmado no Laboratorio de Referencia de Algete (Madrid), o diagnóstico dos restantes foi realizado polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal da Galiza, dependente da Consellaría do Medio Rural.

Con esta declaración, a Galiza ten notificados focos de EHE en 35 comarcas veterinarias: as cinco da Coruña, 14 na provincia da Ourense (A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, #Terra de Trives, Ribadavia, Valdeorras, Verín e Viana); 9 na de Lugo (Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Chá-Castro, Terra Cha-Guitiriz, Terra de Lemos-Quiroga e A Ulloa), e 7 na provincia de Pontevedra (A Paradanta, Caldas, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo, Tabeirós Terra de Montes e Vigo-Baixo Miño).

A Xunta lembrou que a Galiza foi pioneira en indemnizar polos animais falecidos xa en 2023 e continúa este ano. Así, xa se destinaron máis de 200.000 euros para compensar a morte de 409 animais de 195 explotacións (datos do anterior período de circulación do vector transmisor).

A conselleira de Medio Rural xa avanzou no seu momento que, ademais destas indemnizacións, reforzarase o apoio aos gandeiros con axudas para cubrir gastos veterinarios e de desinsectantes.

Porén, organizacións como Fruga ou SLG instaron a Administración galega actuar con maior “urxencia”.

Comentarios