O Congreso debaterá o 11 de xuño a transferencia da AP-9 á Galiza

A AP-9, que transita de Ferrol a Tui, ao seu paso por Vigo (Foto: Europa Press).
En decembro de 2023, por cuarta ocasión nos últimos sete anos, o Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade un texto lexislativo para a súa remisión ao Congreso español co obxectivo de conseguir este traspaso.

O pleno do Congreso español do 11 de xuño abordará a transferencia do Estado á Galiza da autoestrada AP-9. Para iso, esta cuarta feira, 29 de maio, o Parlamento galego elixirá aos deputados e ás deputadas encargadas de defender esta proposición de lei en Madrid.

En decembro de 2023, por cuarta ocasión nos últimos sete anos, o Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade un texto lexislativo para a súa remisión ao Congreso español co obxectivo de conseguir este traspaso. Desde 2016, os diferentes acordos na Cámara galega non frutificaron polo fracaso das leis na súa tramitación nas Cortes xerais do Estado.

No inicio do pleno do Parlamento galego esta terza feira, o presidente da Cámara, o popular Miguel Santalices, queixouse de que este debate no Congreso español aínda se comunicou a pasada segunda feira, polo que lanzou o "rogo" de que "hai que ter máis en conta aos Parlamentos autonómicos".

Neste sentido, avisou de que, se non existise esta sesión plenaria semanal na Galiza, a proposición de lei "voaría". De tal forma, ao remate do debate das proposicións non de lei da cuarta feira, os deputados e as deputadas galegas votarán en urna para elixir á delegación representante en Madrid desta petición.

Anulación da prórroga

A demanda para que a xestión da autoestrada que vertebra a fachada atlántica sexa galega volve saír do Pazo do Hórreo rumbo a Madrid, onde chegará de novo cunha serie de demandas en materia económica ao Estado como principais novidades.

Entre estas figura unha mención a que será a Administración do Estado quen asuma as posíbeis consecuencias económicas que deriven dunha hipotética anulación da prórroga da concesión a Audasa, asunto que está en estudo pola Xustiza da Unión Europea (UE) por unha presunta infracción da normativa comunitaria en materia de competencia.

Esta cuestión foi incorporada durante o proceso de tramitación na Cámara galega a través dunha emenda do BNG que foi aceptada para a súa inclusión no ditame final polo PP. Esta foi a única achega ao texto orixinal presentado polo grupo popular, que engadiron unha serie de obrigacións a facer fronte por parte do Estado en asuntos como a extensión das bonificacións das peaxes, a execución de obras de remodelación ou a ampliación da infraestrutura.