Asemblea Anova

Críticas a Mariano Abalo após pedir máis peso para o nacionalismo de esquerdas na Marea

Mariano Abalo

A súa posición coincide basicamente coa do sector crítico de Anova, o nucleado arredor do parlamentar Davide Rodríguez.

O sector crítico de Anova -o mesmo que no espazo de En Marea impulsou, contra o criterio oficial, a lista Somos Quen- opina que a formación de Beiras "non ten o peso que lle correspondería ter no ámbito da Unidade Popular" e que Anova "debería ser o referente da esquerda nacional galega e non o é".

Nestes termos pronunciouse en declaracións a Sermos Davide Rodríguez -xunto con Alexandra Fernández, parlamentar no Congreso- o maior referente das posicións críticas no interior de Anova.

O grupo de Somos Quen optou finalmente por non apresentar lista propia no conclave do pasado sábado sen tampouco se integrar na oficial por non a considerar de consenso. Argumentan os críticos que a candidatura liderada por Antón Sánchez se fixo por arriba e non recolle suficientemente o sentir das bases. Con todo, Rodríguez salva a figura do que está chamado a ser novo portavoz nacional da organización. "Antón pode facer un bon traballo na dirección para colocar Anova onde ten de estar, como referente da esquerda nacional e con canles permanentes de participación efectiva das bases no proceso de toma de decisións".

O feito de finalmente non comparecer o sector crítico cunha lista propia sen dúbida restou asistencia á asemblea do sábado -sendo que non existía ningunha dúbida sobre o resultado final, ao haber só unha candidatura. A participación foi tan baixa que apenas 160 persoas tomaron parte nas votacións.

Vagón de cola

Esta segunda feira, nunha entrevista na Radio Galega, Mariano Abalo, o histórico dirixente da FPG, sumouse ao coro das críticas e, nun ton semellante ao expresado polas voces de Somos Quen, afirmou literalmente: "O nacionalismo de esquerdas ten que ocupar o lugar que lle pertence e non un lugar que nos deixe no vagón de cola da locomotora que debe ser En Marea".

Abalo tamén defendeu que para completar a "unidade popular" cómpre "seguir tendendo pontes ao BNG".

As declaracións de Abalo fixeron saltar dos seus resortes internéticos a destacados membros de Anova e á propia FPG, que aproveitou o momento para facer público que o político de Cangas xa non fai parte dos orgaos de dirección da formación.