O sector crítico de Anova -o mesmo que no espazo de En Marea impulsou, contra o criterio oficial, a lista Somos Quen- opina que a formación de Beiras "non ten o peso que lle correspondería ter no ámbito da Unidade Popular" e que Anova "debería ser o referente da esquerda nacional galega e non o é".
Nestes termos pronunciouse en declaracións a Sermos Davide Rodríguez -xunto con Alexandra Fernández, parlamentar no Congreso- o maior referente das posicións críticas no interior de Anova.
O grupo de Somos Quen optou finalmente por non apresentar lista propia no conclave do pasado sábado sen tampouco se integrar na oficial por non a considerar de consenso. Argumentan os críticos que a candidatura liderada por Antón Sánchez se fixo por arriba e non recolle suficientemente o sentir das bases. Con todo, Rodríguez salva a figura do que está chamado a ser novo portavoz nacional da organización. "Antón pode facer un bon traballo na dirección para colocar Anova onde ten de estar, como referente da esquerda nacional e con canles permanentes de participación efectiva das bases no proceso de toma de decisións".
O feito de finalmente non comparecer o sector crítico cunha lista propia sen dúbida restou asistencia á asemblea do sábado -sendo que non existía ningunha dúbida sobre o resultado final, ao haber só unha candidatura. A participación foi tan baixa que apenas 160 persoas tomaron parte nas votacións.
Vagón de cola
Esta segunda feira, nunha entrevista na Radio Galega, Mariano Abalo, o histórico dirixente da FPG, sumouse ao coro das críticas e, nun ton semellante ao expresado polas voces de Somos Quen, afirmou literalmente: "O nacionalismo de esquerdas ten que ocupar o lugar que lle pertence e non un lugar que nos deixe no vagón de cola da locomotora que debe ser En Marea".
Abalo tamén defendeu que para completar a "unidade popular" cómpre "seguir tendendo pontes ao BNG".
As declaracións de Abalo fixeron saltar dos seus resortes internéticos a destacados membros de Anova e á propia FPG, que aproveitou o momento para facer público que o político de Cangas xa non fai parte dos orgaos de dirección da formación.
Non sabía eu que as amigas e compañeiros do Galicia por Diante incorporaran unha sección humorística. Para empezar a semana, vén estupendo! https://t.co/HFGhs1KZBY
— Antón Dobao (@AntonDobao) 20 marzo 2017
Dame mágoa este final para Mariano Abalo, dexeneración política e persoal. Unha decepción. https://t.co/16ZQ66cGAx
— Brais Fidalgo (@BraisRibeiro) 20 marzo 2017
Mariano Abalo falando de "tender pontes" e de "nacionalismo" con quen sempre, décadas, puxo a parir a cañón. Traian pipocas 🍿!! https://t.co/hQ1gFn6fhE
— Millán Fernández (@millanfernandez) 20 marzo 2017