Suba de prezos no gas: así fican as tarifas a partir de outubro

 O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou os prezos para o próximo trimestre.

Liña de gas. (Fot: Sven Hoppe / DPA)
photo_camera Liña de gas. (Fot: Sven Hoppe / DPA)

A tarifa de último recurso (TUR) de gas natural individual sen impostos incrementarase a partir do 1 de outubro 9,5% con relación ao prezo estabelecido o 1 de xullo, pola chegada do inverno e a incorporación do gas estacional, mentres que a TUR veciñal incrementarase entre 14,7% e 19,3%, segundo a resolución publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) cos prezos para o próximo trimestre.

O custo da materia prima nesta revisión de outubro depende do custo do gas de base e a introdución do gas estacional coa chegada do inverno, o que lanza un valor de 3,22 céntimos de euro por megawatt hora (MWh), 22,5% máis elevado que na revisión de xullo, sen gas estacional.

O custo do gas de base é de 25,15 euros/MWh, un -2,83% respecto á tarifa vixente polo descenso da cotización do Brent (-1,45%) e a apreciación do euro fronte ao dólar (+1,78%) con relación ao trimestre anterior. E o custo do gas estacional é de 36,93 euros/MWh, un -2,95% con relación a xaneiro de 2024, segundo informaron en fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Desta maneira, a TUR individual increméntase unha media de 9,5% a partir do 1 de outubro. En concreto, para un cliente medio da TUR 1 supón un ascenso de 5,22% na súa factura anual con impostos, mentres que para un da TUR 2 será un crecemento de 11,93% e para un da TUR 3 un aumento de 14,68%.

A TUR veciñal

No caso da TUR veciñal, o artigo 2 do Real Decreto-lei 18/2022, do 18 de outubro, creou unha nova tarifa de último recurso de gas natural, aplicábel temporalmente ás comunidades de propietarios e propietarias, agrupacións de comunidades de propietarios e propietarias e ás empresas de servizos enerxéticos que lles presten servizo. Mediante o Real Decreto-lei 4/2024, do 25 de xuño, ampliouse a súa aplicación de maneira indefinida.

Para estes consumidores e consumidoras, a partir do próximo 1 de outubro, o termo variábel da TUR veciñal sobe entre 14,7% e 19,3%. En concreto, para a TUR 4 o ascenso será de 14,7%; para a TUR 5 de 16,6%; para a TUR 6 de 19,8%; para a TUR 7 de 19,4%; para a TUR 8 de 19,1%; para a TUR 9 de 19,1%; para a TUR 10 de 19,2% e para a TUR 11 de 19,3%.

A TUR de gas natural é unha tarifa regulada á que pode acollerse calquera persoa conectada a redes de gas natural de presión inferior ou igual a 4 bar e cuxo consumo anual sexa inferior ou igual a 50.000 quilowatts hora (kWh). Mediante o Real Decreto-lei 18/2022, do 18 de outubro, ampliouse a súa aplicación ás comunidades de propietarios e propietarias e empresas de servizos enerxéticos que lles presten servizo.

A TUR de gas natural revísase trimestralmente o primeiro día dos meses de xaneiro, abril, xullo e outubro de cada ano, producíndose a súa actualización sempre que o custo da materia prima incluído na tarifa experimente unha variación á alza ou á baixa superior a 2% respecto ao valor empregado na tarifa en vigor ou, en calquera caso, cando entren en vigor novas peaxes ou canons. O seu valor faise público no BOE.

Comentarios