O Euribor caerá en setembro por baixo do 3% por primeira vez desde 2022: como se notará na túa hipoteca?

Até esta sexta feira, o índice hipotecario de referencia para a maioría das hipotecas na Galiza rexistraba unha media mensual de 2,946% e cunha clara tendencia á baixa, cos últimos días do mes roldando 2,77%.
Sinatura dunha hipoteca. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Sinatura dunha hipoteca. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Euribor apunta a caer en setembro por baixo de 3% por primeira vez desde novembro de 2022 a falta dun día para que termine o mes. Até esta sexta feira, o índice hipotecario de referencia para a maioría das hipotecas na Galiza rexistraba unha media mensual de 2,946% e cunha clara tendencia á baixa, cos últimos días do mes roldando 2,77%.

O dato de 2,946% supón un descenso de 0,22 puntos porcentuais en comparación co mes anterior, e de máis de 1,2 puntos respecto a setembro de 2023. Isto traducirase nunha rebaixa considerábel na cota hipotecaria que pagarán a maioría de galegos e galegas, xa que a maior parte das hipotecas a tipo variábel están referenciadas ao Euribor.

Desta maneira, unha persoa que teña contratada unha hipoteca variábel de 150.000 euros a 30 anos e cun diferencial de 0,99% máis Euribor e deba revisar o seu tipo de xuro co Euribor de setembro rexistrará un descenso na súa cota de 107,42 euros ao mes. Isto equivale a 1.289,04 euros ao ano.

Este cálculo implica o máximo nivel de descenso para unha persoa que contratase unha hipoteca con ese nivel financiado, xa que ao tratarse dunha revisión, ao principio do préstamo (é dicir, quedan 30 anos por amortizar), o cambio no tipo de xuro ten moito máis impacto ao haber moita débeda por amortizar.

"O Euribor está a baixar máis e máis rápido do esperado estes meses. A partir do mes de xullo vimos un claro punto de inflexión na tendencia do índice de referencia, que cambiou o seu rumbo por completo", indicou o director de Hipotecas do comparador iAhorro, Simone Colombelli.

"As entidades financeiras están a adaptarse ás rebaixas mostradas polo Euribor, cunha maior marxe para axustar as súas ofertas hipotecarias, o que está a atraer a máis solicitantes de créditos, que xa están a aumentar e farano de maneira máis significativa a finais de ano", asegura a directora de Estudos de Fotocasa, María Mato.

Tipos de xuro

Desde Ebury consideran que os tipos de xuro do euro se situarán nun rango de entre 3% e 3,5% cara ao final de ano, tendo en conta que estiman dúas baixadas adicionais por parte do Banco Central Europeo (BCE). Desde HelpMyCash son máis optimistas e sitúan o seu rango entre 2,50% e 2,75%.

Comentarios