Miranda reclama ao Goberno español que outorgue a nacionalidade aos saharauís atrapados no aeroporto madrileño de Barajas

O Bloque Nacionalista Galego reclamou este sábado ao Goberno do Estado que outorgue a nacionalidade a 40 saharauís atrapados no aeroporto Adolfo Suárez Barajas de Madrid.

Ana Miranda saharauis Barajas
photo_camera Ana Miranda cunha refuxiada saharauí atrapada no aeroporto Adolfo Suárez Barajas de Madrid. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, desprazouse até o aeroporto Adolfo Suárez Barajas, antes de embarcar para México, a onde acudirá a investidura da nova mandataria Claudia Sheinbaum, para trasladar a súa solidariedade aos cidadáns saharauís retidos nese aeroporto.

40 saharauís atópanse atrapados no aeroporto da capital do Estado, tras denegarlle o Goberno español o asilo político, polo que corren o risco de ser deportados a Marrocos, malia a súa condición de perseguidos políticos.

Miranda sinalou que “un Estado membro da Unión Europea (UE) está a piques de vulnerar os dereitos humanos dos solicitantes e envialos a un país que os oprime”, en referencia a Marrocos.

A represión de Marrocos

Negarlle asilo a estas persoas é condenalas a unha situación terríbel se son devoltas a Marrocos”, asegurou Miranda quen denunciou a represión da que son vítimas os saharauís por parte das autoridades do país magrebí.

A eurodeputada nacionalista aseverou que “a Unión Europea ten que defender os dereitos humanos, incluídos os dos solicitantes de asilo, e protexelos da opresión de réximes non democráticos”.

O BNG lembrou que “algunhas das persoas atrapadas en Madrid son familiares de refuxiados saharauís que xa obtiveron o dereito de asilo noutros países da Unión Europea”

Aaicha El Talbe

O nacionalistas destacaron que nesta situación atópase a filla de Aaicha El Talbe, cuxo dereito de asilo foi recoñecido por Francia, “mentres, o Estado español denegouno, aínda que aportou a mesma documentación”.

Comentarios