Israel volve bombardear o Líbano e asegura ter asasinado ao secretario de Hezbolá, Hasan Nasralá

A madrugada deste sábado as forzas armadas de Israel volveron bombardear o Líbano. Os seus voceiros sinalan que no marco do ataque foi asasinado o secretario xeral de Hezbolá, Hasan Nasralá. O operativo militar enmárcase na táctica do Goberno sionista de escalar á guerra ao conxunto de Oriente Medio.

Nasralá
photo_camera O secretario xeral de Hezbolá, Hasan Nasralá, a quen Israel asegura ter asasinado neste sábado 28. (Foto: Europa Press).

Beirut, a capital libanesa, foi a zona máis afectada pola acción da aviación israelí. Neste caso, o barrio de Dahiye, onde na sexta feira as forzadas armadas sionistas deixaron seis persoas mortas e 91 feridas, volveu ser o lugar máis castigado.

O Goberno hebreo recoñeceu o ataque asegurando que “durante a noite, avións de combate da forza aérea, baixo a dirección do Comando Norte, atacaron edificios onde se almacenaban armas”.

Morte de Nasralá

Os voceiros do exército de Israel avanzaron nas súas redes sociais que no marco do bombardeo perdeu a vida o secretario xeral de Hezbolá, Hasan Nasralá, unha nova que non foi confirmada pola súa organización

As autoridades israelís xustificaron a agresión asegurando que na zona emprazábanse  “lanzadores apuntados á retagarda do Estado de Israel e edificios militares onde operaban terroristas da organización terrorista Hezbolá”.

Netanyahu

A nova agresión do exército sionista prodúcese horas despois de que o primeiro ministro de Israel, Benjamín Netanyahu, sinálase diante da asemblea xeral da Organización de Nacións Unidas (ONU) desenvolvida en Nova York a súa intención de escalar a guerra.

Netanyahu asegurou que “Israel non parará até derrotar á milicia libanesa”. Na mesma orientación, apuntou que “mentres Hezbolá opte pola guerra, Israel non se deterá”, nunha intervención chea de ameazas cara Irán.

Biden

Estados Unidos continúa apoiando a postura de Israel. Neste sentido, o presidente Joe Biden  “ordenou ao Pentágono axustar a postura de forza de Estados Unidos na rexión tanto como sexa necesario e reforzar a disuasión".

A comunidade internacional non agocha a súa preocupación pola escalada do conflito. A este respecto, o chanceler ruso, Serguei Lavrov, advertiu diante da asemblea da ONU que “Oriente Medio está ao bordo dunha guerra total"

Lavrov

"Condenamos enerxicamente as accións da parte israelí que violan de xeito claro a soberanía do noso amigo Líbano", asegurou Lavrov, quen destacou que “sen o pleno apoio a Israel” de Estados Unidos, “o conflito pode terminar rápida e eficazmente”.

Lavrov afirmou durante a asemblea da ONU que “quixera dirixirme  aos representantes de Estados Unidos: a elección é súa. Poden seguir bloqueando o labor do Consello de Seguridade ou poden pórse ao lado da paz, ao lado da comunidade internacional e esixir o fin da guerra”.

Comentarios