Idacio da Limia, un faro no espertar cultural galego do século V

Foi un intelectual de primeira orde que tiña claro a existencia da Galiza como realidade política do seu. Outro faro que alumeou dentro daquela primeira xeración de ouro que deu Galiza nos tempos do baixo Imperio.

Ponte_Romana1
photo_camera Ponte romana de Chaves, vila portuguesa onde residiu Idacio durante décadas. (Foto:Wikipedia)

Eduardo López Pereira, o investigador galego que máis e mellor coñece o período, non dubida sinalar que “o concepto de Galiza é en Idacio central, un pobo con personalidade e personalidades, tanto políticas como eclesiásticas, que exerce a súa influencia no mundo coñecido”. 

A Galiza de Idacio era moi diferente a actual, fixando os seus limites, ao igual que fixeran os seus contemporáneos Orosio ou Zosimo, polo norte co Cantábrico, polo  oeste co Atlántico, polo sur co Douro e polo leste en Luliobriga, preto de Retortilla, na actual Cantabria. Así, non dubidou en situar como cidades galegas a Coca, en Segovia, localidade natal do emperador Teodosio.

A biografía de Idacio segue a ser un mar de dúbidas. Sábese que naceu na Alta Limia, moi probabelmente no núcleo urbano de Civitas Limitorum, no actual Xinzo de Limia, ou no Castro do Viso, no veciño concello de Sarreaus, arredor de 388 ou 400.

As elites galegas

Membro dunha familia comunidade dos Lémicos, integrantes da aristocracia galaica latifundista ligada a administración do Imperio e moi vencellada a aqueles sectores sociais que posibilitaron o nomeamento como emperador do tamén galego Teodosio I, viaxou moi novo a Xerusalén, seguindo unha rota que viña a ser habitual entre a aquela oligarquía galega.

O derrube do imperio romano e a conformación dunha nova orde no país como consecuencia da chegada a Galiza dos suevos determinaran a vida de Idacio. Formado como correspondía as elites galaicas centradas na xestión do Imperio, incorporado á vida relixiosa arredor de 416, ordenado bispo á volta de 427,  ocupou deste aquela e até a súa morte á volta do 469 a sé de Aquae Flaviae, a actual Chaves.

A actuación política e a produción ensaística de Idacio respondeu á vontade de salvagardar os intereses do sector social do que facía parte, nun tempo político novo poñía en risco e sometía a cuestión o intereses da súa clase.

Un intelectual orgánico

Idacio operou como unha sorte de intelectual orgánico daquela oligarquía romanizada que conformaba a elite da Galiza do período, cualificando a chegada dos suevos como unha “auténtica catástrofe” que representa “o momento máis crítico da historia galega”.

A súa obra historiográfica é unha fonte imprescindíbel para o estudo e coñecemento da Galiza do século IX e V. Malia que algúns investigadores atribúenlle tamén a autoría dos Fasti Consulares, engadidos en datas posteriores ao cronicón , só temos a certeza de ser o autor dunha crónica, coñecida popularmente como o Cronicón de Idacio, elaborada seguindo a metodoloxía presente dos traballos de san Xerome e Eusebio de Cesarea.

O historiador

O volume ven a ser un repaso dos feitos ocorridos entre o 379 e o 468, e aínda que pretendía ser unha crónica universal, acabou centrándose no sucedido en Galiza, ofrecendo unha visión moi negativa do período polo esvaecemento do imperio romano, o importante peso do priscilianismo, a quen combateu ao longo de toda a súa vida, e o asentamentos dos suevos, a quen define como “nación inicua e enfurecida”.

A visión achegada por Idacio non podemos separala do seu papel como representante dos grupos oligárquicos, sendo en moitos supostos desmentida polas fontes contemporáneas pero tamén pola arqueoloxía a numismática que certifican a ausencia de alteracións fondas e a continuidade da organización social.

Comentarios