Críticos con Santos din que Podemos camiña cara á desaparición na Galiza

[Imaxe: Podemos] No medio, Echenique e á esquerda, sentada, Carmen Santos

“Absoluta ausencia de democracia interna” de Podemos na Galiza. Isto é o que lles transmitiron membros do Consello Cidadán Galego de Podemos críticos coa súa actual secretaria xeral, Carmen Santos. Estas persoas dirixíronse ao secretario de Organización da formación estatal, Pablo Echenique, ao que acusan de “ignorar” as súas demandas.

Persoas críticas coa actual dirección de Podemos na Galiza denuncian que Pablo Echenique, secretario de Organización desta forza política , “ignora” as súas demandas nun contexto de “absoluta ausencia de democracia interna” dentro do partido. E é que estes militantes acusan Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos no país, de “ter sometido o Consello Cidadán”.

As persoas críticas coa dirección advirten nun comunicado de imprensa da situación de “bloqueo” que padece Podemos na Galiza e lamentan a falta de intervención de Echenique, ao que previamente se dirixiran. O secretario de Organización, segundo estes militantes, limitouse a “remitirlle a disputa ao Comité de Garantías”, un órgano, din, “insuficiente e inoperante”.

"Non se debate nin se vota nada desde hai meses e, cando se vota, é deslexitimado pola secretaria xeral"

Entre outras acusacións, os críticos sinalan que Podemos “camiña cara á destrución” na Galiza e expresan denuncias a respeito do funcionamento do partido, en que “non se debate nin se vota nada desde hai meses” e “cando se vota, é deslexitimado pola súa secretaria”. Aliás, láianse de que o Consello Cidadán e o de Coordinación “están inoperativos” e critican o incumprimento dos estatutos.

Por outra banda, no comunicado de imprensa tamén se reclama a demisión dos conselleiros Miguel Taboada e Tania Castro, “Miguel por ter intentado en dúas ocasións agredir fisicamente un compañeiro, e Tania por ter unha sentenza firme na súa contra por despido improcedente e por ter un traballador de alta na Seguridade Social a media xornada mentres traballaba a xornada completa”.