Persoas críticas coa actual dirección de Podemos na Galiza denuncian que Pablo Echenique, secretario de Organización desta forza política , “ignora” as súas demandas nun contexto de “absoluta ausencia de democracia interna” dentro do partido. E é que estes militantes acusan Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos no país, de “ter sometido o Consello Cidadán”.
As persoas críticas coa dirección advirten nun comunicado de imprensa da situación de “bloqueo” que padece Podemos na Galiza e lamentan a falta de intervención de Echenique, ao que previamente se dirixiran. O secretario de Organización, segundo estes militantes, limitouse a “remitirlle a disputa ao Comité de Garantías”, un órgano, din, “insuficiente e inoperante”.
"Non se debate nin se vota nada desde hai meses e, cando se vota, é deslexitimado pola secretaria xeral"
Entre outras acusacións, os críticos sinalan que Podemos “camiña cara á destrución” na Galiza e expresan denuncias a respeito do funcionamento do partido, en que “non se debate nin se vota nada desde hai meses” e “cando se vota, é deslexitimado pola súa secretaria”. Aliás, láianse de que o Consello Cidadán e o de Coordinación “están inoperativos” e critican o incumprimento dos estatutos.
Por outra banda, no comunicado de imprensa tamén se reclama a demisión dos conselleiros Miguel Taboada e Tania Castro, “Miguel por ter intentado en dúas ocasións agredir fisicamente un compañeiro, e Tania por ter unha sentenza firme na súa contra por despido improcedente e por ter un traballador de alta na Seguridade Social a media xornada mentres traballaba a xornada completa”.