Entrevista

Demetrio Gómez, concelleiro en Pontevedra: "Xeración Alfa é un produto de altísima calidade para a mocidade"

Demetrio Gómez, concelleiro en Pontevedra. (Foto: Nós Diario).
Até o 8 de xuño desenvólvese en Pontevedra 'Maio, mes da lingua', unha iniciativa da Concellaría de Normalización Lingüística para brindar á cidade novos ámbitos de lecer e socialización en galego. A edición deste ano achega á mocidade un espazo propio da man de 'Nós Diario', a revista 'Xeración Alfa'.

—Após o Día Das Letras Galegas en Pontevedra continúa a programación de 'Maio, mes da lingua'. Como se vive na cidade?
En Pontevedra temos un obxectivo básico coa programación de normalización lingüística, que é crear espazos onde a cidadanía e a mocidade, en particular, coa que tratamos de traballar moito, teñan a oportunidade de desenvolverse normalmente en galego. Isto facémolo ao longo de todo o ano co Club de Debate ou con Apego, por exemplo, pero durante o mes de maio, ademais, tentamos que a lingua teña moita máis visibilidade, de aí que deseñemos unha programación específica que está funcionando moi ben.

—Concertos musicais, espectáculos teatrais, certames orais... As actividades continuarán até o 8 de xuño coa colaboración de colectivos locais a prol da lingua.
É unha constante en toda a programación sociocultural do Concello de Pontevedra. Traballamos con entidades da cidade e da contorna. E isto é así especialmente no mes da lingua porque case todas as actividades están organizadas co apoio de entes próximos: o conservatorio de música Manuel Quiroga, a asociación cultural A Pedreira, a asociación veciñal O Mirador de Monte Porreiro, temos aínda varias citas pendentes con Migallas. Son exemplos que demostran que en Pontevedra hai moito interese por lograr esa normalización da lingua da que tan necesitados estamos.

—Tamén está por decorrer unha nova edición de Correlingua, baixo o lema "Desde aquí até acolá, Galego xa!".
A próxima segunda feira, 27 de maio, temos Correlingua e temos récord de participación. Uns 1.300 escolares dunha vintena de centros da comarca anotáronse á edición deste ano que devolve a carreira a cifras previas á pandemia para seguir a darlle impulso á nosa lingua.

—Con ese obxectivo presentouse por primeira vez este ano a revista xuvenil Xeración Alfa, que sae do prelo cada terza feira de maio con Nós Diario. Que acollida está a ter?
Desde o inicio pareceunos un proxecto interesantísimo. Poder traballar coa mocidade é un reto e unha necesidade, sobre todo, con esta rapazada que non ten demasiados produtos en galego para desfrutar do seu lecer. Unha vez visto o resultado, coa revista nas mans, Xeración Alfa parécenos aínda máis interesante. É un produto de altísima calidade, que amosa unha realidade galega que ás veces non atopa como chegar á xente moza. E o que nos transmite o profesorado do ensino medio, que é onde estamos a distribuír a revista, é que a acollida está a ser moi boa.

Hai que ter en conta que mentres son cativas, as crianzas atopan espazos onde desenvolverse en galego acompañadas das súas familias, pais e nais que creceron coa Lei de normalización lingüística e que malia a todo botaron en falta ámbitos nos que relacionarse en galego, e que agora demandan actividades e ferramentas para os seus fillos e fillas. Mais cando chegan á adolescencia baten con ese mundo que está pensado para que se desenvolvan en castelán e non en galego. Os esforzos para que iso mude existen, pero falta o apoio último da Xunta da Galiza.

—A Xunta volveu pór sobre a mesa "un gran pacto pola lingua". Que espera deste  ofrecemento?
Benvido sexa de volta o PP ao consenso pola lingua. Existen unha Lei e un Plan de normalización lingüística que foron aprobados por unanimidade no Parlamento galego que están sen cumprir porque o PP pasouse ao lado de Galicia Bilingüe, non hai que esquecelo. Mais, se realmente quere retomar o pacto, nós traballaremos con todo o mundo para que o galego sexa un elemento de consenso, que é o que Galiza e a sociedade galega precisan.

Responsabilidade compartida

"A lingua galega non é só un obxectivo ou un elemento co que traballa a Concellaría de Normalización Lingüística, senón que o é de todo o Goberno municipal. Todo o Goberno traballa para que a nosa lingua teña o status que merece", afirma Demetrio Gómez. E faino, aclara, en colaboración con outros municipios a través de Alingua, unha asociación de entidades do ámbito local comprometidas coa promoción e dinamización do uso da lingua galega. "En moitos casos vemos que o que estamos a facer é suplir o traballo que a Xunta non realiza".

O concelleiro de Normalización Lingüística da cidade do Lérez chama ás administracións a asumir a súa responsabilidade. "Os concellos temos a nosa", mais "toda a sociedade galega debería facer propios os obxectivos de que o galego fose unha lingua normal, unha lingua de uso e vehicular na Galiza".