O núcleo até agora maioritario de Anova demite da executiva e cría un baleiro de poder

Asemblea constituínte Anova-Irmandade Nacionalista

Mario López Rico, Luis Eyré 'Palleiro' ou Chelo Martínez, entre as 10 persoas que marchan. Achan que a decisión de concorrer ás europeas na candidatura de IU é "un erro estratéxico e político". O sector oficial xa non existe. O crítico, o liderado por Martiño Noriega, abandonou a dirección xa no pasado mes de decembro.

O baleiro de poder é unha realidade en Anova. Dez membros da dirección da organización presentaron esta segunda feira a súa demisión, entre eles Mario López Rico, Luis Eiré, Paula Verao e Chelo Martínez (responsábeis de comunicación, relacións políticas, organización e deputada, respectivamente). Unha decisión, segundo Europa Press, con carácter irrevogábel e que se produce o día despois do referendo sobre as alianzas de Anova para as europeas.

Demitiron desta volta: López Rico, Luis Eyré, Chelo Martínez, Paula Verao, Carlos Méixome, Concha Trigo, Antón Araújo, Xosé Manuel Pérez Sardiña, Mónica Fernández e Laura Ogando

Tamén están entre os demisionarios, segundo Europa Press, Carlos Méixome (Alternativas programáticas); a responsábel de Finanzas, Concha Trigo; o de Acción Institucional, Antonio Araújo, Xosé Manuel Pérez Sardiña (Comunicación Interna e Redes); a de Patrimonio, Mónica Fernández; e Laura Ogando (Diáspora)

Na reunión onde notificaron a súa renuncia non estaba presente Xosé Manuel Beiras. Algúns dos demisionarios facían parte, desde hai anos, do círculo político máis próximo ao líder de Anova.

As persoas demisionarias enmarcábanse no sector partidario de alianzas co soberanismo de esquerdas. Moitas delas, do círculo político máis próximo a  Beiras desde hai décadas

As persoas que presentaron esta segunda feira a demisión na Permante de Anova (órgano que equival á executiva) eran tamén as defensoras de concorrer na cita do 25 de maio cunha candidatura de soberanistas de esquerdas e/ou con plataformas cidadás rupturistas. Escolla que ficou 11 sufraxios por detrás da vencedora (concorrer con IU, avalada por Beiras)

Novas demisións

Estas demisións non son unha novidade en Anova-Irmandade Nacionalista, malia a súa curta existencia. Cómpre lembrar que a mediados do pasado mes de decembro demitía como coordenador nacional de Anova. Días despois catro persoas do entorno político do alcalde de Teo demitían da Permanente. Eran Antón Dobao, Mar Blanco, Xiana López e Xurxo Martínez González.

En Xullo de 2013 a Coordinadora Nacional de Anova elixía unha Permamente integrada por 19 persoas, ademais de Beiras. Desde entón houbo por volta de 16 demisións 

A piques de finalizar o 2013 era a ourensá Iolanda Pérez Docampo quen demitía da Permanente, onde ocupaba a responsabilidade de Acción Feminista. Xa en xaneiro, María Vieites demitiu da comisión ética e de garantías de Anova, afirmando que este organismo era unha "ferramenta de control político e ideolóxico da militancia".

A Coordinadora Nacional de Anova elixiu na súa xuntanza do 13 de xullo de 2013 a Comisión Permanente da organización. Ademais do portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras, elixido directamente pola Asemblea Nacional, a Comisión Permanente constaba de 19 persoas, coas respectivas áreas de traballo. Desde aquela e até a actualidade terían demitido por un ou outro motivo 16 dos seus integrantes.

Así logo, na actualidade, e ademais de Beiras, na Permanente fican o parlamentar Antón Sánchez, Manoel Santos e Antía Comesaña.

Asemblea extraordinaria?

O abandono da dirección por parte do núcleo até agora maioritario coloca Anova ante o abismo. Nen os oficialistas nen os críticos están agora mesmo na Executiva. O liderado de Beiras sae tamén debilitado, sendo que no referendo do 23-F máis da metade da afiliación non acompañou as súas consignas (o 46,6% votou a prol da opción 2 e o 4,6% a favor da opción 3, cando o líder defendía a opción 1, que ficou co 48% do voto).

A situación de extrema debilidade orgánica en que fica Anova após esta demisión en bloco do sector até agora tido por oficial podería desembocar, en boca lóxica política, na convocatoria dunha asemblea nacional extraordinaria.

Comunicado no web

A última hora do serán, @s dirixentes demisionari@s penduraron un comunicado no web de Anova. Nel xustificaron a súa renuncia nestes termos: "Presentamos a nosa dimisión irrevogábel da Comisión Permanente de Anova porque consideramos que a decisión tomada é un erro estratéxico e político que non nos sentimos con ánimo para levar a cabo como cumpre". Achan que por "lealdade a Anova" a nova orientación estratéxica da formación liderada por Beiras deber ser executada "por aquelas persoas que, crendo na vontade do acordo, poidan facelo mellor".