POR "COHERENCIA COA DEMOCRACIA PARTICIPATIVA E COA TRANSPARENCIA"

Dimiten as dúas mulleres máis votadas de Podemos en Galiza por diferenzas coas primarias

Cargos dos Consellos galegos e municipais de Podemos en Galiza veñen de presentar as súas dimisións polas diferenzas xurdidas co sistema de primarias do partido de Pablo Iglesias de cara ás eleccións xerais. Tamén din dimitir "por coherencia coa democracia participativa e coa transparencia".

Varios cargos da Dirección galega e municipal de Podemos en Galiza, entre os que se atopan as dúas mulleres máis votadas, comunicaron a súa dimisión por desacordo co sistema de primarias do partido liderado por Pablo Iglesias. Tamén reivindican “o regreso aos principios democráticos da organización”, segundo a nota de prensa recollida por Europa Press.

Dúas das dimisións cobran especial relevancia, pois son das mulleres máis votadas ao Consello Cidadán Galego. Así, Carmen Santos foi a máis votada nas eleccións a este órgano, mesmo por diante do actual secretario xeral de Podemos, Breogán Riobóo, e na actualidade ocupaba unha das secretarías autonómicas. Pola súa banda, Ana Pérez era a presidenta da Comisión de Garantías.

As persoas que dimitiron sinalan que adoptaron a decisión “por responsabilidade e por principios de coherencia cos ideais de democracia participativa e de transparencia”.

O anuncio tivo lugar na noite de onte, precisamente o mesmo día en que visita Galiza o secretario de Política de Podemos, Íñigo Errejón. As persoas que dimitiron ofrecerán máis detalles nunha rolda de prensa convocada para hoxe.