Varios cargos da Dirección galega e municipal de Podemos en Galiza, entre os que se atopan as dúas mulleres máis votadas, comunicaron a súa dimisión por desacordo co sistema de primarias do partido liderado por Pablo Iglesias. Tamén reivindican “o regreso aos principios democráticos da organización”, segundo a nota de prensa recollida por Europa Press.
Dúas das dimisións cobran especial relevancia, pois son das mulleres máis votadas ao Consello Cidadán Galego. Así, Carmen Santos foi a máis votada nas eleccións a este órgano, mesmo por diante do actual secretario xeral de Podemos, Breogán Riobóo, e na actualidade ocupaba unha das secretarías autonómicas. Pola súa banda, Ana Pérez era a presidenta da Comisión de Garantías.
As persoas que dimitiron sinalan que adoptaron a decisión “por responsabilidade e por principios de coherencia cos ideais de democracia participativa e de transparencia”.
O anuncio tivo lugar na noite de onte, precisamente o mesmo día en que visita Galiza o secretario de Política de Podemos, Íñigo Errejón. As persoas que dimitiron ofrecerán máis detalles nunha rolda de prensa convocada para hoxe.