As dúbidas legais rodean as obras e a concesión do Álvaro Cunqueiro

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (Europa Press).
As dúbidas sobre a legalidade da fórmula escollida para construír o Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo, así como sobre os criterios seguidos para adxudicar a obra marcaron o proceso de posta en marcha desta infraestrutura sanitaria desde un comezo. As valoracións efectuadas nun recente informe polo Consello de Contas, ente fiscalizador da xestión económico-financeira do Goberno galego, xeran agora novos interrogantes.

O 4 de febreiro de 2016, o xurista e economista Antón Beiras Cal sinalaba nun traballo publicado en Sermos Galiza que o modelo de adxudicación do Hospital Álvaro Cunqueiro incumpría o disposto na Lei 30/2007 de Contratos do Sector Público. Neste sentido, sinalaba que a Xunta da Galiza optou por unha concesión administrativa e non por un contrato de colaboración entre o sector público e privado.

Beiras Cal indicaba que conforme ao fixado no artigo 11 da Lei 30/2007 “é evidente que a construción dun hospital público, a súa explotación por prazo de 20 anos, a realización dos servizos non clínicos como a restauración, a lavandaría ou a desinfección excede o marco concesional, pois se trata dunha actuación global e integrada que ademais do financiamento de investimentos, inclúe a construción dun ben complexo así como a prestación doutros servizos ligados aos desenvoltos pola Administración no servizo público de saúde”.

O xurista e economista afirmaba que a fórmula elixida pola Xunta  permitía á Administración eludir o disposto no artigo 18 da Lei 30/2007 que obriga á elaboración dun documento de avaliación realizado por un órgano colexiado onde se integren expertos con cualificación suficiente na materia sobre a que verse o contrato. Neste punto aseguraba que “a Administración non lle conveu ese órgano colexiado integrado por expertos e así se tramitou ese contrato de colaboración para construír e explotar un hospital como se dunha auténtica autoestrada de peaxe se tratase”.

O traballo de Beiras Cal advertía do incumprimento doutras disposicións recollidas na Lei 30/2007. A este respecto, lembraba que  “o artigo 112 da Lei esixe un estudo de viabilidade previo á decisión de construír e explotar en réxime de concesión unha obra pública. Tampouco lle conveu á Xunta realizar ese estudo de viabilidade e fixo uso da excepción que contempla o parágrafo 6 do propio artigo 112”.

Unha parte das dúbidas legais formuladas por Beiras Cal en 2016 aparecen agora reflectidas no informe de fiscalización presentado polo Consello de Contas o pasado 31 de xullo. Ao tempo, engade novos reparos en relación cos criterios de adxudicación da obra fixados no prego de cláusulas administrativas particulares (PCAP) aprobado pola Xunta da Galiza.

Os reparos de Contas

O Consello de Contas denunciaba que “incluíse como criterio de adxudicación un criterio que é un requisito de solvencia técnica. A solvencia é un elemento que mide a aptitude das empresas, mentres que os criterios de valoración deben medir a calidade da oferta”. Asemade, apuntaba que “algún dos criterios de adxudicación son xenéricos e imprecisos, non se concretan suficientemente os extremos que van ser obxecto de valoración”, o que “provoca tamén que o informe de valoración sexa impreciso”.

O órgano fiscalizador desvelaba que “ inclúese como aspecto a valorar a introdución de melloras (na memoria construtiva e de calidade e na memoria de sustentabilidade) sen especificar a súa forma de valoración. A falta de concreción supón un risco tanto na valoración obxectiva deste aspecto como na coherencia na ponderación dos criterios”. Na mesma orientación, criticaba que “outórgase até 40 puntos vinculados á presentación do Plan económico-financeiro (PEF) exento de erros. A presentación do PEF exento de erros constitúe unha obriga do licitador que reflicte a dilixencia mínima”.

Agustín Hernández

O proceso rematou coa exclusión de unha das dúas ofertas que aspiraban a ficar da obra, resultado adxudicataria a única proposta admitida, conformada por unión temporal de empresas da que facía parte, entre outras, Acciona, Concesia e Puentes e Calzadas, compañía da que fora directivo Agustín Hernández, naquela altura conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Galiza.