ERC colleita un triunfo histórico e Catalunya reitera aposta no soberanismo

Esquerra gañou as eleccións europeas en Catalunya, desbancando a CiU como primeira forza. O proceso soberanista sae reforzado das urnas, apuntan todos os medios cataláns.

As eleccións deste domingo en Catalunya eran moito máis que unha cita para escoller representantes a Estrasburgo. Coa cita do 9N (data da consulta) marcada a vermello no calendario, estes comicios íanse ver como un termómetro do bulir soberanista na sociedade catalá. E a temperatura dada nas urnas promete febre para o goberno español. Cunha participación 10 puntos superior á de hai cinco anos Catalunya votou soberanismo.

ERC gañou por primeira vez unhas eleccións desde a II República

Esquerra Republicana de Catalunya logrou ser primeira forza. Unha vitoria histórica. ERC conquistou case 600.000 votos, rozou o 24% dos sufraxios e relegou á segunda praza a CiU, co 21,8%. De falar agora de 'bipartidismo' en Catalunya este sería en chave nacionalista: ERC e CiU. O resto das forzas quedaron a distancia. Cómpre sinalar que en 2009 ERC fora a cuarta forza, con menos do 10% dos sufraxios (181.000 votos).

A gran caída en Catalunya foi a dos grandes partidos do bipartidismo español: O PSC, que de ser primeira forza en 2009 (36%) pasou este domingo á terceira posición e cun 14,2 por cento dos votos. E o PP, que pasou de reunir o 18% dos apoios hai cinco anos a desplomarse ao 9,8% nesta cita.

ICV-EUiA mellorou sensibelmente os seus resultados, pois superou o 10% dos apoios nas urnas, catro por cento máis que nas eleccións europeas de 2009. E Podemos entrou, mais con moito menos forza que no resto do Estado español. A formación liderada por Pablo Iglesias foi sétima, logrando o 4,6% dos votos. O Unionismo radical de Cs atinxiu o 6,3%.