Espía na campaña: @s do galego tamén son @s dos porros

quiosque

A prensa sistémica devolve a lingua á marxinalidade após os ritos do 17-M namentres La Voz intenta ridiculizar, sen éxito, ao BNG pola súa proposta de legalizar a marihuana.

Sonche unhas risas. Para nen@s pequen@s, claro. Para que unha interesante proposta electoral -que conta co apoio de centos de miles de persoas, responde a unha iniciativa que sae dos movementos sociais e se está a amosar como un éxito noutras partes do mundo- sexa convertida nunha caricatura sen graza, que mestura infantilismo e caspa, só hai que poñer sobre a mesa ao BNG -lanzando unha proposta- e a La Voz de Galicia, intentando ridiculizala como sexa, aínda que ao final quen quere ridiculizado sexa o propio periódico de Sabón.

Tópicos de reaccionario e comparacións parvas, con eses elementos decidiron en La Voz afrontar a reivindicación nacionalista -incluída no seu programa electoral- dunha legalización da marihuana semellante á que aplican en Uruguai ou o estado de Colorado. Tratábase de informar dese concepto -apenas tratado pola política institucional galega- e o tema é amplo, dá para consultar expert@s de todo tipo, acudir a consumidores agora obrigad@s a recorrer ao mercado negro, etc... Mais o medio de Santiago Rey preferiu a brincadeira barata: “Se Rajoy fuma puros, o BNG quere fumar porros”. Que mágoa de prensa, de verdade, qué mágoa.

No ABC, informe especial sobre as bondades dunha gran coalición entre PP e PSOE, por se a alguén lle quedaban dúbidas. Por aí adiante, aliás, algunha enquisa cociñada, a unha semana dos comicios.

E, pasado o Día das Letras, o galego volveu ao seu lugar habitual na prensa sistémica do país: a marxinalidade.