Sonche unhas risas. Para nen@s pequen@s, claro. Para que unha interesante proposta electoral -que conta co apoio de centos de miles de persoas, responde a unha iniciativa que sae dos movementos sociais e se está a amosar como un éxito noutras partes do mundo- sexa convertida nunha caricatura sen graza, que mestura infantilismo e caspa, só hai que poñer sobre a mesa ao BNG -lanzando unha proposta- e a La Voz de Galicia, intentando ridiculizala como sexa, aínda que ao final quen quere ridiculizado sexa o propio periódico de Sabón.
Tópicos de reaccionario e comparacións parvas, con eses elementos decidiron en La Voz afrontar a reivindicación nacionalista -incluída no seu programa electoral- dunha legalización da marihuana semellante á que aplican en Uruguai ou o estado de Colorado. Tratábase de informar dese concepto -apenas tratado pola política institucional galega- e o tema é amplo, dá para consultar expert@s de todo tipo, acudir a consumidores agora obrigad@s a recorrer ao mercado negro, etc... Mais o medio de Santiago Rey preferiu a brincadeira barata: “Se Rajoy fuma puros, o BNG quere fumar porros”. Que mágoa de prensa, de verdade, qué mágoa.
No ABC, informe especial sobre as bondades dunha gran coalición entre PP e PSOE, por se a alguén lle quedaban dúbidas. Por aí adiante, aliás, algunha enquisa cociñada, a unha semana dos comicios.
E, pasado o Día das Letras, o galego volveu ao seu lugar habitual na prensa sistémica do país: a marxinalidade.