Feijóo na “Nacional VI”
Alberto Núñez Feijóo nunca acabou de ter os pés na Galiza. A cada pouco alimenta, por activa ou por pasiva, especulacións e ruxerruxes sobre o seu paso á política estatal. Apoiado nunha esfera mediática extremadamente amábel con el e co seu partido, o presidente da Xunta realiza xiras periódicas polos platós e xornais madrileños, opina e matiza a dirección do PP e aparece ben como duro recentralizador, ben como facción progre da dereita española. Eis un extracto da peza publicada ao respecto no Sermos Galiza 288.
“Ten toda a pinta de que quere marchar a Madrid”, afirma Miguel Anxo Bastos, profesor de Ciencias Políticas na Universidade de Santiago e analista, en declaracións a Sermos Galiza, “por que, se non, vai a un programa de máxima audiencia a que lle chamen de todo?”. Tampouco é que lle chamasen de todo. Máis ben percibiuse o enorme contraste entre o tratamento habitual de Feijóo na meirande parte da prensa galega e unha conversa xornalística sen tantas dependencias. Mais Bastos insiste e lembra como, alén de Salvados, o presidente tamén fixo de figura central nun encontro dos Partidos Populares europeos.
“Se quixese deixar a política, había andar por aí desa maneira?”, pregúntase. Porque a de La Sexta foi a aparición máis comentada. Pero non a única. Practicamente todos os grandes rotativos españois publicaron entrevistas co líder da dereita galega ao longo dos últimos meses. Xusto, ademais, cando Mariano Rajoy e o PP atravesan as súas horas máis baixas.
[Podes ler a peza íntegra no número 288 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]