Feixoo e o PP abrirán de novo o curso político na Galiza

Alberto Núñez feixoo na carballeira de San Xusto en 2022. (Foto: Arxina).
A carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, e non o castelo de Soutomaior, acollerá a reunión do Partido Popular o 31 de agosto.

O tradicional acto de apertura do novo curso político do PP decorrerá baixo o liderado do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, en calidade de anfitrión, e do presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo.

Os populares volven a Cerdedo-Cotobade despois de regresar puntualmente o ano pasado ao castelo de Soutomaior, nun acto que se converteu tamén en metáfora da recuperación do poder na Deputación de Pontevedra, até as municipais de 2023 en mans do PSOE, que vetara o evento popular durante varios anos.

De novo en San Xusto

Con Luis López á fronte da institución provincial, Feixoo e os seus regresarán á carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, que xa adquirira un carácter simbólico para os populares.

Aí celebrou o dos Peares a súa primeira apertura de curso político como líder do PP, no ano 2022, e participou en varias anteriores como anfitrión. E é que o PP elixiu Galiza para abrir formalmente o curso político desde os tempos nos que Mariano Raxoi dirixía o partido.

Esta vez o acto de Cerdedo-Cotobade anticipará outro encontro político interno anunciado polo presidente do PP: unha reunión cos presidentes autonómicos do seu partido para tratar un asunto de "urxencia nacional" pero que, en pleno verán, demorou até setembro. Será entón cando aborden o financiamento autonómico co obxectivo de articular unha fronte común para combater o concerto económico catalán.

Centrados no 'financiamento'

Tamén os populares galegos, "agradecidos" con que Feixoo manteña a súa aposta por abrir o curso na Galiza, teñen o foco no financiamento autonómico e aproveitarán o acto de inicio de curso político para remarcar que o seu obxectivo será "defender os intereses de Galiza" fronte a calquera "discriminación". O propio Rueda mostrouse disposto a "encabezar un movemento de reacción" se é preciso.

Así o ratificou, en declaracións a Europa Press, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, que destacou que o partido reivindicará o seu compromiso cos intereses da comunidade fronte a un PSdeG "sempre encartado" ás directrices da Moncloa e un BNG "que amosa cada día, como ante as eleccións de Venezuela, o seu lado radical".

Ademais, destacou que os populares galegos afrontan este inicio de curso político con especial "ilusión" e a satisfacción de cumprir os obxectivos electorais tanto coa vitoria de Rueda nas autonómicas de febreiro (nas que o sucesor de Feijóo logrou a súa primeira maioría absoluta) como na posterior cita coas europeas.