Financiamento e Altri marcarán o novo período de sesións na Cámara galega

A bancada popular do Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)

O PP, o BNG e o PSdeG prepáranse para comezar un novo período de sesións no Parlamento da Galiza, onde o sistema de financiamento, Altri e a rexeneración democrática ocuparán un lugar central. Ao tempo, nacionalistas e socialistas enfrontan un curso político con importantes retos no plano orgánico.

O modelo de financiamento marcará o debate político no vindeiro período de sesións. As derivadas do acordo adoptado entre o PSOE e ERC para investir Salvador Illa como presidente de Catalunya obrigan a definir un novo sistema de financiamento onde o resto das comunidades autónomas deberán achegar as súas propostas. Neste contexto, agárdase na Cámara galega un debate áspero entre o Partido Popular e as forzas da oposición parlamentaria que, por diversas razóns, non son críticas coa posición pactada entre socialistas e republicanos.

O PP busca converter o debate sobre o financiamento nun choque co Executivo español sobre o modelo do Estado. Os responsábeis do PP galego, co presidente Alfonso Rueda á cabeza, limitáronse até agora  a replicar na Galiza o discurso do partido no ámbito estatal, sinalando que o sistema acordado abre a porta a un Estado confederal. Este relato evidencia, para os responsábeis das forzas da oposición consultadas por Nós Diario, a falta de peso de Rueda dentro da súa formación.

Os responsábeis nacionalistas e socialistas contactados por este xornal entenden que o discurso do PP ten un percorrido limitado unha vez se formulen as propostas concretas sobre o modelo. Nesta dirección, sinalan que os populares non queren entrar no terreo das alternativas, por sentirse máis cómodos na oposición ao Executivo estatal que na xestión; porén, consideran que o presidente Rueda deberá pór propostas sobre a mesa.

Os retos do BNG

O BNG ten diante súa coa cuestión do financiamento un debate chave para explicar a súa alternativa que, en opinión dalgúns dirixentes da formación, "ten que dar coa pericia debida". Neste punto, a dirección nacionalista aposta por desenvolver unha campaña de explicación institucional e social da súa proposta, clarificando o que perde Galiza co actual sistema de financiamento. Destacan que só o BNG e a súa líder, Ana Pontón, teñen levado este debate á Cámara nos últimos anos.

O secretario xeral do PSdeG ten manifestado en repetidas ocasións a súa aposta por un financiamento singular para Galiza. Neste liña,reclamarán manter Galiza dentro do réxime común a diferenza dos nacionalistas e defenderán a reforma de variábeis como a poboación e a dispersión. En todo caso, apuntan a este medio que van dar o debate con toda firmeza, porque as eivas do actual modelo son evidentes.

Condonar a débeda

Os populares consideran que este non é un debate doado para nacionalistas e socialistas. Aliás, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou onte que prefire que o relacionado co financiamento se fale "entre todas" as comunidades nunha Conferencia de Presidentes antes de facelo "bilateralmente" sobre unha eventual condonación da débeda á Galiza. Rueda insistiu en que "para falar de financiamento", especialmente sobre o trato singular a Catalunya, "está a Conferencia de Presidentes", da que aínda non se sabe "absolutamente nada", para tratalo entre "todos".

A celulosa na Ulloa

Altri será outros dos temas centrais do próximo período de sesións. Se as dinámicas sociais adoitan marcar axenda parlamentaria, a intensidade da mobilización contra a celulosa proxectada en Palas de Rei (A Ulloa) avanza a súa presenza permanente na Cámara galega. Neste punto, o lexislativo enfronta un calendario marcado a curto prazo pola próxima autorización por parte de Augas da Galiza da captación de augas do río Ulla en beneficio da multinacional portuguesa.

O debate sobre Altri avanza tres liñas argumentais. A unha banda o PP, defendendo o proxecto e demandado do Goberno do Estado os fondos necesarios para súa posta en marcha. Noutra, o BNG  reclamando a paralización do proxecto e ofrecendo cobertura institucional ao movemento social de oposición á celulosa. E no medio, o PSdeG  con certa ambigüidade forzada polas diversas posicións sobre o temas existentes dentro da formación. 

Os tempos de Altri e o seu desenvolvemento márcaos esencialmente o Estado. Neste punto, está por ver se a presión popular contra a pasteira é capaz de evitar que o Goberno español subvencione o proxecto impulsado pola multinacional portuguesa e o grupo Greenalia. A este respecto, as fontes populares consultadas por este xornal teñen claro que a intensidade da mobilización social vai determinar a posición final do Executivo de Sánchez sobre a proposta de celulosa de Palas de Rei.

Rexeneración democrática

As iniciativas de rexeneración democrática tentarán buscar espazo entre estes dous grandes temas. O PSdeG xa reclamou a creación dunha comisión de investigación na Cámara sobre os supostos casos de corrupción ligados ao entorno familiar de Núñez Feixoo, importando á Galiza a liña discursiva da formación a nivel do Estado.  Precisamente onte, a portavoz Executiva do PSOE instou Feixoo a comparecer sobre este tema no Congreso. O BNG volveu demandar o estudo da contratación do Goberno galego e o posíbel trato de favor a empresas afíns aos populares. A incidencia e o alcance destes temas dependerá máis das dinámicas madrileñas que das galegas. Porén, neste ámbito presenta unha particular relevancia o acontecido coas obras do Hospital Cunqueiro de Vigo, que remataron cun sobrecusto de 470 millóns e onde as responsabilidades de xestión e políticas apuntan a persoas de relevo do PP.

BNG e PSdeG organizan asemblea e congreso no último trimestre do ano

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) enfrontarán no novo curso político dous importantes procesos orgánicos. A primeira das organización desenvolverá no último trimestre de ano unha nova asemblea nacional onde elixirá os órganos de dirección e someterá a análise a situación política. A segunda das formacións deberá convocar o seu congreso galego, unha vez que o secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, adiantou o conclave estatal para o mes de novembro.

Nacionalistas e socialistas chegan aos seus conclaves nunha situación completamente deferente. Así, o BNG desenvolverá a súa asemblea nacional nun momento especialmente doce, cun papel reforzado como principal organización da oposición na Galiza e nun escenario de cohesión interna. Pola súa parte, o PSdeG, que tiña previsto o seu congreso ordinario para 2025, chega ao conclave coa lousa dos resultados das eleccións galegas de 2024, cunha militancia desmobilizada polo fracaso electoral e cun equipo de dirección que continúa preso das lóxicas locais, o que dificulta visualizar un proxecto en chave galega.

A dirección do BNG márcase como obxectivo para a súa asemblea pór a punto a formación para enfrontar os próximos comicios municipais en disposición de dar un salto cualitativo. Ao tempo, o PSdeG busca co congreso marcar un punto de inflexión co seu pasado recente, gañando impulso para abrir un novo período na formación.