DPG2017

Galiza Nova invoca o legado de Rosalía e Castelao para rachar coa dependencia da Galiza

Alberte Fernández, durante o seu discurso

Xa é un clásico das vésperas do Día da Patria Galega: a reunión de as mozas e os mozos de Galiza Nova a renderen homenaxe ás dúas figuras simbólicas por excelencia da nación galega, Rosalía e Castelao. A organización xuvenil do BNG invocou o seu legado para chamar a rachar coa dependencia do país. No acto tomaron parte por volta de 150 persoas.

O Parque de Bonaval voltou a ser mais un ano o palco eleito por Galiza Nova para realizar a súa homenaxe a Rosalía e Castelao, sen dúbida os dous vultos de maior potencial simbólico da historia moderna do país.

 

Nun acto cheo de simbolismo, que reuniu por volta de 150 mozas e mozos, os dirixentes da organización xuvenil do Bloque chamaron a acompañaren os pasos de rebeldía marcados polas vidas de Rosalía e Castelao. Destarte, a integrante da comisión permanente de Galiza Nova Navia Rivas comezou o acto cun apelo a rachar "coa dependencia colonial", a "precarización laboral" e co drama da emigración. Rivas cualificou as políticas en curso quer do Estado español quer da UE de "antigalegas e antisociais". 

 

"A mocidade nacionalista ten o orgullo e, ao mesmo tempo, o deber de recoller o legado de Rosalía e Castelao, na súa loita pola liberación nacional", arengou por súa parte o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, quen a seguir acrecentou que "os grandes problemas da mocidade galega continúan a ser os mesmos que no tempo en que escribiron Rosalía e Castelao e só o nacionalismo ten solución para eles".

 

Puxo o ramo ao acto a integrante da dirección de Galiza Nova, ben como tamén parlamentar e membro da Executiva Nacional do BNG Olalla Rodil. Para ela, as pegadas de Rosalía e Castelao na historia do país convidan "a rachar co preconcibido e a perguntarnos se non hai máis capacidade de decisión do que a limitada marxe que nos deixa a Constitución de 1978 e a vontade dos poderes que emanan dela".

 

Após os discursos, Galiza Nova realizou unha oferenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, onde se achan os restos mortais das dúas figuras homenaxeadas.