DPG2017

Galiza Nova invoca o legado de Rosalía e Castelao para rachar coa dependencia da Galiza

Xa é un clásico das vésperas do Día da Patria Galega: a reunión de as mozas e os mozos de Galiza Nova a renderen homenaxe ás dúas figuras simbólicas por excelencia da nación galega, Rosalía e Castelao. A organización xuvenil do BNG invocou o seu legado para chamar a rachar coa dependencia do país. No acto tomaron parte por volta de 150 persoas.

Acto Galiza Nova homenaxe Castelao e Rosalía
photo_camera Alberte Fernández, durante o seu discurso

O Parque de Bonaval voltou a ser mais un ano o palco eleito por Galiza Nova para realizar a súa homenaxe a Rosalía e Castelao, sen dúbida os dous vultos de maior potencial simbólico da historia moderna do país.

Nun acto cheo de simbolismo, que reuniu por volta de 150 mozas e mozos, os dirixentes da organización xuvenil do Bloque chamaron a acompañaren os pasos de rebeldía marcados polas vidas de Rosalía e Castelao. Destarte, a integrante da comisión permanente de Galiza Nova Navia Rivas comezou o acto cun apelo a rachar "coa dependencia colonial", a "precarización laboral" e co drama da emigración. Rivas cualificou as políticas en curso quer do Estado español quer da UE de "antigalegas e antisociais". 

baaa75fd-b76e-47e6-a2f7-7b3fa125c74e"A mocidade nacionalista ten o orgullo e, ao mesmo tempo, o deber de recoller o legado de Rosalía e Castelao, na súa loita pola liberación nacional", arengou por súa parte o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, quen a seguir acrecentou que "os grandes problemas da mocidade galega continúan a ser os mesmos que no tempo en que escribiron Rosalía e Castelao e só o nacionalismo ten solución para eles".

Puxo o ramo ao acto a integrante da dirección de Galiza Nova, ben como tamén parlamentar e membro da Executiva Nacional do BNG Olalla Rodil. Para ela, as pegadas de Rosalía e Castelao na historia do país convidan "a rachar co preconcibido e a perguntarnos se non hai máis capacidade de decisión do que a limitada marxe que nos deixa a Constitución de 1978 e a vontade dos poderes que emanan dela".

Após os discursos, Galiza Nova realizou unha oferenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, onde se achan os restos mortais das dúas figuras homenaxeadas.

Comentarios