Eleccións Europeas 9-X

Máis de 2,7 millóns de galegos e galegas están chamadas a votar este domingo, 109.000 por primeira vez

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, presentou na Coruña os materiais que haberá nos centros de votación nas eleccións europeas. (Foto: Nós Diario)
Pedro Branco salienta que se trata das eleccións "máis inclusivas até o de agora".

Máis de 7.000 axentes velarán este domingo, día 9, pola seguridade dos comicios ao Parlamento Europeo na Galiza, nunha xornada na que están chamadas a votar 2.702.442 persoas no conxunto do país. Habilitaranse até 2.337 colexios electorais nos que está previsto que se abran 3.922 mesas de votación.

"109.690 persoas votan por primeira vez", destacou o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, nunha comparecencia informativa desde A Coruña na que presentou os materiais que haberá ese día nos centros de votación.

Durante a rolda, Branco precisou que para garantir que o dereito ao voto poida exercerse "con absoluta liberdade" o Goberno español despregará máis de 7.000 axentes: 2.079 da Policía Nacional, 4.077 da Garda Civil e 948 da Policía Local.

Eleccións inclusivas

Por outra parte, salientou que se trata das eleccións "máis inclusivas até o de agora", nas que os usuarios e usuarias disporán dunha experiencia piloto "cunha serie de pictogramas indicativos de todos os pasos a seguir" en Santiago de Compostela e con kits con linguaxe braille para as persoas invidentes, dos cales 80 xa foron solicitados.

A nivel loxístico, segundo explicou, as mesas serán xestionadas por 11.766 persoas elixidas por sorteo e asesoradas por 2.858 representantes da Administración. Respecto ao voto por correo, cuxo prazo finalizará esta sexta feira, día 7, houbo 36.205 solicitudes na Galiza.

"Confiamos en que vai ser unha xornada totalmente tranquila, xa normalizada, porque temos unha experiencia democrática máis que absolutamente demostrada", apuntou Branco, para logo "animar todas as galegas a que vaian votar".

"En Europa están a tomarse decisións que son absolutamente vitais na nosa vida diaria, desde sectores como agricultura, gandaría, industria ou recepción de fondos", argumentou tamén ao incidir na importncia destes comicios.