O prazo para solicitar o voto por correo para as eleccións europeas finaliza esta quinta feira, 30 de maio, aínda que as cidadás e os cidadáns teñen até o próximo 6 de xuño para poder depositalo en calquera oficina de Correos no seu horario habitual.
As electoras e os electores que elixan este sistema de votación poden solicitalo até a quinta feira en calquera oficina de Correos ou por Internet a través da súa páxina web, con certificado DNI electrónico ou un certificado dixital válido.
A partir de aí, Correos dispón de prazo até o 5 de xuño para entregar o sobre con toda a documentación necesaria —incluídas as papeletas— na dirección que indicase a ou o solicitante.
Como en anteriores citas electorais, os repartidores de Correos tentarán entregar persoalmente ao votante até un máximo de dúas veces a documentación. Tras iso, deixarán un aviso de chegada para a súa recollida na oficina postal correspondente.
Pódese depositar até o 6 de xuño
Unha vez solicitado o voto, a electora ou o elector terá de prazo até a quinta feira 6 de xuño para depositar a documentación en calquera oficina de Correos. Alí, o persoal de Correos esixirá á persoa votante que se identifique co DNI ou un documento análogo.
No caso de que a persoa interesada non se atope presente na dirección indicada cando os repartidores de Correos tenten entregar en persoa a documentación, o voto permanecerá na oficina postal que corresponda.
O depósito do voto deberá efectuarse nos horarios habituais das oficinas postais.
Delegar o depósito do voto
As persoas que solicitaron o voto por correo pero non poidan acudir persoalmente á oficina de Correos para depositar o voto, deberán outorgar unha autorización para que a entrega sexa realizada por outra persoa no seu nome. A autorización deberá ser asinada pola electora ou elector e acompañarse da fotocopia do seu documento nacional de identidade, pasaporte ou outro documento oficial identificativo, así como da fotocopia do documento identificativo da persoa á que autoriza.
Para facilitar a redacción dese documento de autorización con todos os datos necesarios, Correos recomenda utilizar o modelo de autorización que se pode descargar na súa web.
O persoal de Correos non aceptará a entrega de documentación electoral pertencente a outra electora ou elector se non se acompaña da correspondente autorización asinada polo elector, que deberá ser conservada, xunto á fotocopia do documento oficial acreditativo do elector e de quen entrega no seu nome a documentación electoral, para a súa remisión á Xunta Electoral de Zona correspondente.