En Marea ataca o PSOE no Congreso e cualifícao de “membro de pleno direito do Partido Único"

Alexandra Fernández

Discurso durísimo co PSOE de Alexandra Fernández, portavoz de En Marea no Congreso. Embora as confluencias gobernen co partido socialista en concellos e comunidades autónomas, Fernández cualificou o PSOE de “integrante de pleno direito do Partido Único”.

Na sesión de investidura de Rajoy, a portavoz de En Marea empregouse con máis dureza contra o PSOE do que contra o PP, na mesma liña marcada por Pablo Iglesias de ocupación do espazo de oposición que Ferraz abandona ao pactar a abstención con Génova.

Para a portavoz de En Marea e dirixente de Anova, o PSOE “abdicou do seu papel de oposición para se evidenciar como integrante de pleno dereito do Partido Único”. Atacou a formación socialdemócrata por apoiar o acceso ao goberno dun partido "que vai voltar aplicar sumisamente os recortes ordenados pola UE e que impedirá que os pobos do estado poidan decidir o seu futuro soberanamente, e que tratará de prepararnos un prato precociñado de novo consenso das élites”.

Embora o PCE estea agora coligado con Anova na Maré, Fernández tampouco perdeu a oportunidade de axustar contas co papel xogado polo partido de Santiago Carrillo durante a transición (pactou coas forzas herdeiras do franquismo e co PSOE) e advertiu: “Desta volta existe unha diferenza co réxime do 78. Nesta ocasión non poderán contar coa oposición, depositada claramente en En Marea e nas forzas do cambio, para lexitimar o golpe do réxime. Non conten co noso apoio”. 

O confronto co PSOE está servido. Resta agora por ver como vai influír este combate na política de alianzas de En Marea e Podemos en concellos e comunidades autónomas. Estes mesmos días, sen irmos máis lonxe, a perspectiva dun pacto da Marea Atlántica co PSOE na Coruña é unha variábel que se está a manexar no Pazo de María Pita.

Rajoy

Até cando atacou Rajoy a portavoz de En Marea non se esqueceu de explotar o factor PSOE e, destarte, dirixiuse ao líder do PP nestes termos: “Vosté vai ser investido como resultado dun golpe parlamentar a raíz da intervención dun partido político”, en obvia alusión a Ferraz.

Rajoy, presumibelmente, focou a súa réplica no argumento de que a mensaxe de En Marea non foi referendada polo eleitorado galego o 25 de setembro, cando outorgou 41 deputados ao PP e apenas 14 á confluencia.