Na sesión de investidura de Rajoy, a portavoz de En Marea empregouse con máis dureza contra o PSOE do que contra o PP, na mesma liña marcada por Pablo Iglesias de ocupación do espazo de oposición que Ferraz abandona ao pactar a abstención con Génova.
Para a portavoz de En Marea e dirixente de Anova, o PSOE “abdicou do seu papel de oposición para se evidenciar como integrante de pleno dereito do Partido Único”. Atacou a formación socialdemócrata por apoiar o acceso ao goberno dun partido "que vai voltar aplicar sumisamente os recortes ordenados pola UE e que impedirá que os pobos do estado poidan decidir o seu futuro soberanamente, e que tratará de prepararnos un prato precociñado de novo consenso das élites”.
Embora o PCE estea agora coligado con Anova na Maré, Fernández tampouco perdeu a oportunidade de axustar contas co papel xogado polo partido de Santiago Carrillo durante a transición (pactou coas forzas herdeiras do franquismo e co PSOE) e advertiu: “Desta volta existe unha diferenza co réxime do 78. Nesta ocasión non poderán contar coa oposición, depositada claramente en En Marea e nas forzas do cambio, para lexitimar o golpe do réxime. Non conten co noso apoio”.
O confronto co PSOE está servido. Resta agora por ver como vai influír este combate na política de alianzas de En Marea e Podemos en concellos e comunidades autónomas. Estes mesmos días, sen irmos máis lonxe, a perspectiva dun pacto da Marea Atlántica co PSOE na Coruña é unha variábel que se está a manexar no Pazo de María Pita.
Rajoy
Até cando atacou Rajoy a portavoz de En Marea non se esqueceu de explotar o factor PSOE e, destarte, dirixiuse ao líder do PP nestes termos: “Vosté vai ser investido como resultado dun golpe parlamentar a raíz da intervención dun partido político”, en obvia alusión a Ferraz.
Rajoy, presumibelmente, focou a súa réplica no argumento de que a mensaxe de En Marea non foi referendada polo eleitorado galego o 25 de setembro, cando outorgou 41 deputados ao PP e apenas 14 á confluencia.