Médicas de familia ven "de dubidosa legalidade" que a Xunta as supla con residentes

Unha consulta médica (Foto: Europa Press).
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) considera "de dubidosa legalidade" a proposta do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para que médicos residentes (MIR) no seu último ano de formación poidan cubrir ausencias durante o verán.

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) considera "de dubidosa legalidade" a proposta do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para que médicos residentes (MIR) no seu último ano de formación poidan cubrir ausencias durante o verán.

Nun comunicado, este colectivo critica as medidas que en días pasados avanzaba o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para cubrir as vacantes habituais do verán. "Non se poden facer máis desastres en menos tempo", censurou a organización.

Agamfec confía en que, "polo ben da seguridade e sentido común", a Xunta da Galiza "reconsidere" a idea de que os MIR de cuarto ano poidan exercer "como especialistas antes de finalizar o seu período formativo".

A asociación cre que "a falta de previsión" durante "anos" é a que agora leva ao Sergas para tomar unhas medidas que cualifica de "desesperadas" e que transmiten "a sensación de que a administración sanitaria é un pito sen cabeza".

"Anos de esquecemento"

Ás súas críticas suman tamén a decisión de "obrigar" ás facultades de medicina a incrementar o número de alumnos e alumnas: "Se formamos nas últimas décadas en todo o país a 40.000 médicos de familia e non os contrataron! Foron expulsados polos que agora os botan en falta".

Isto é así, explica Afamfec, polos "tantos anos de esquecemento" da Atención Primaria e "tantas advertencias" do envellecemento do persoal e da falta de substitución xeracional.