A celebración da nación galega reúne miles de persoas na capital da Galiza

Unha bandeira da Patria xigante abre a manifestación do BNG (Foto: BNG)

A manifestación do BNG decorre polas rúas da capital galega baixo o lema  “A forza deste país”.

Miles de persoas procedentes de todas as comarcas galegas maniféstanse arestora polas rúas de Compostela convocadas polo BNG nunha grande mobilización polo Día da Patria Galega baixo o lema “A forza deste país”. A manifestación partiu da Alameda da capital galega pasadas as 12 horas entre bandeiras, gaitas, bombos do Baixo Miño e consignas, e presidida por unha bandeira da Patria xigante.

A calor deu nesta mañá da quinta feira unha pequena tregua en Compostela após a fogaxe da cuarta e terza. Este 25 de xullo fanse 40 anos da “recuperación” da zona vella para a manifestación nacionalista, á que se lle prohibira acceder ao corazón de pedra da capital entre 1981 e 1983. “Non renunciamos á Patria galega”, outro lema que ecoa na mobilización de hoxe como facía aquel Día da Patria Galega de 1984.

 

Para alén de bandeiras galegas, este 25 de xullo destacaban xa desde primeira hora outras que tradicionalmente estaban presentes este día mais que hoxe tiñan unha presenza e forza especial: as palestinas. Os berros de “Galiza-Palestina, solidariedade” escóitanse na marcha.

A faixa co lema deste ano, “A forza deste país”, portada pola Executiva nacional do BNG coa súa portavoz nacional á fronte, Ana Pontón; vai dando paso a unha riada de miles de persoas que hoxe celebran a Nación galega. Faixas en defensa do galego ou da sanidade pública, contra Altri e proxectos de “destrución do territorio”, de defensa dos sectores produtivos, reivindicando a soberanía nacional... van poboando a longa manifestación. Destaca unha faixa xigante cos rostros de Castelao e Rosalía.  Na manifestación púidose ver de novo ao histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen xunto a Martiño Noriega e Antón Sánchez capitaneaban a pancarta de Anova, coa que a formación escenifica a súa sintonía co proxecto do BNG.

Antes da saída da manifestación, Ana Pontón, en declaracións aos medios, apuntou que as eleccións do 18-F amosaron "o gran momento dun BNG, que demostrou que non ten límites nin teito e vai mos seguir facendo historia". Para a líder nacionalista, o BNG está de moda "e non é unha moda pasaxeira porque está asentada sobre bases firmes e solidas". Defendeu que o BNG, mais que alternativa ao PP, é xa un "Goberno alternativo con propostas para sacar adiante este país".

Miriam, Mencía e Uxía

"Hai que continuar"

Entre as miles de asistentes á mobilización do BNG, tres rapazas da Laracha (comarca de Bergantiños), Miriam, Mencía e Uxía. "Xa viñamos ao Día da Patria Galega cos noso pais", afirman, e desde entón continúan acudindo a esta cita na capital galega polo 25 de xullo, "é xa unha tradición que queremos continuar".

Tamén asisten á manifestación Jaime e Artur, de Compostela, que destacan que esta é unha xornada para "mostrar o que é un sentimento popular, como galegos". Para estes dous rapaces, o Día da patria Galega non debe ser só unha xornada "de reivindicación", senón tamén "de celebración".

Mari Reme, Juana e Carme 

Máis veteranas que as rapazas da Laracha son Mari Reme, Juana e Carme, as dúas primeiras andaluzas de Málaga e a terceira galega. Carme defende a importancia de estar presente nesta manifestación para defender "que a Galiza poida decidir en todo o que lle afecta, tomar as súas propias decisións", así como un acto de defensa da Galiza "e do galego, que temos que protexelo".

As súas compañeiras andaluzas mostraron o seu apoio a estas reivindicacións, para alén de sinalar que "todo o que sexa ir en contra do facherío" está ben. 

Iván, Pablo e Sergio

Iván, Pablo e Sergio son outros dos participantes nesta manifestacion. Son de Ordes e están en Compostela para reivindicar "a Patria Galega".  

Unha Quintana abarrotada

A manifestación, como leva facendo todos estes anos, ramata na praza da Quintana, ateigada de xente e onde o sol xa dá con forza, desapareceu aquela tregua de antes de saír a mobilización. Olalla Rodil, viceportavoz parlamentaria do BNG, é a encargada de dar a benvida a todas as asistentes e de saúdar ás asociacións, organizacións e colectivos que apoian a manifestación nacionalista.

A seguir intervén a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez. "O nacionalismo galego está vivo e é a única forza que fai avanzar este país". Destaca a importancia da mocidade á hora de "facer país e de liberar a Galiza". 

Ana Pontón, comezou a intervención lembrando a primeira vez que acudiu ao Día da Patria Galega en Compostela, "hai 30 anos, a emoción de camiñar canda miles de compatriotas". 

"Hai só oito anos, todas e todos recordaredes que o BNG estaba nunha situación moi crítica, até o punto de que a nación galega como suxeito político estivo a piques de desaparecer. Nese ano, no 2016, decidimos colectivamente comezar unha nova liña política actualizada e moderna, que respondía ás aspiracións e preocupacións da sociedade galega. Pasaron só oito anos, e os froitos desa nova liña política están á vista de todo o mundo, cun apoio popular en máximos históricos e medrando ano tras ano. Hoxe o BNG está consolidado e reforzado como segunda forza política multiplicando por catro, digo ben, por catro, o apoio social e electoral que tiñamos no 2016", manifestou.