Nin persoal médico nin de enfermaría: o BNG critica o continuo abandono da sanidade nas comarcas de Lugo

Olalla Rodil denuncia o desleixo da sanidade pública en varios concellos de Lugo. (Foto Nós Diario).
A viceportavoz do BNG Olalla Rodil vén de denunciar a falta de facultativos en centros médicos dependentes da Sergas en varios concellos de Lugo.

A deputada do BNG repasou a situación que atravesan centros de saúde e consultorios de distintas comarcas, desde A Fonsagrada ou Os Ancares até a Terra Chá.

"En Baleira están sen servizo médico durante polo menos unha semana e estaremos vixiantes de que esta situación non se prolongue", asegurou Olalla Rodil que describiu unha "situación similar en Doiras, no concello de Cervantes (Os Ancares), onde quedaron sen médico e tampouco contaron con médico nin enfermeira en San Román".

A continúa falta de servizos médicos e de enfermería nos concellos de Lugo é unha constante derivada da falta de previsión e organización por parte da Xunta de Galiza e do PP que a dirixe na actualidade, sinalou a deputada do BNG.

Os mesmos dereitos

"Seguiremos traballando no rural para que exista unha sanidade digna por que as persoas que viven en Baleira, Doiras ou San Roman teñen os mesmos dereitos que se vivisen nunha gran cidade", dixo Rodil.

Neste sentido, lembrou que o seu partido está a participar todos os meses nas concentracións que, en Castro de Rei (A Terra Chá), reclaman a apertura do seu centro médico. "No último pleno o BNG presentou unha moción para instar o alcalde a que se posicionase de lado da veciñanza e lle exixise á Xunta da Galiza a apertura do centro de saúde, esta moción ía acompañada de 200 sinaturas recollidas polas parroquias afectadas. O PP votou en contra desta moción" explicou a viceportavoz do BNG.

A deputada nacionalista tamén se referiu ás mobilizacións decorridas na Fonsagrada para reclamar unha sanidade pública digna para os concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz (A Fonsagrada) nas que se lle recriminou ao Goberno do PP as "ocorrencias" para reforzar os servizos durante o verán, "ocorrencias que á Fonsagrada nin chegan" dixo Rodil.

Nas zonas de montaña, como ao carón do mar, a poboación aumenta durante o estío, destacou, "co cal a presión asistencial foi maior mentres non se cubrían as vacacións do persoal sanitario".