Ningún dos eurodeputados electos do Partido Popular vive na Galiza

Os eurodeputados do PP Adrián Vázquez, Dolors Montserrat e Francisco Millán Mon, en Lugo, durante a campaña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Tres eurodeputados e unha eurodeputada fixeron campaña nas últimas semanas na Galiza para revalidar o seu escano: Francisco Millán Mon (PP), Adrián Vázquez Lázara (na pasada lexislatura europarlamentario de Ciudadanos e desta volta candidato do PP), Nicolás González Casares (PSOE) e Ana Miranda Paz (BNG). O domingo conseguiron renovar o escano, mais non todos están afincados na Galiza. Só a nacionalista Ana Miranda e o socialista González Casares fan vida no país, a primeira entre Vigo e Cuntis, e o segundo no seu Lalín natal.

O PP parabenizou a elección dos seus dous candidatos "vinculados" coa Galiza, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez Lázara. Os dous curiosamente votaron por correo nas eleccións do pasado domingo, a pesar de estar na Galiza facendo campaña e nas xornadas de reflexión e votación. Mentres, Ana Miranda exercía o seu dereito ao voto en Bouzas (Vigo) e González Casares facía o propio en Lalín (Comarca do Deza). Nós Diario preguntou en reiteradas ocasións ao longo desta semana ao PP galego o lugar de residencia destes dous candidatos e polo feito de que votaran por correo, mais ao feche desta información seguía sen haber resposta algunha dos populares galegos sobre estas cuestións.

Tampouco respondeu o PP galego ao chío que o 9 de xuño publicou o candidato do PSdeG, Nicolás González Casares, logo de votar en Lalín, no que aseguraba a respecto dos candidatos presentados como galegos do PP que “nin viven, nin residen, nin votan na Galiza. Non vexo a ningún candidato do PPdeG (nestas eleccións europeas) votar na Galiza”. Algo que tamén dixo Casares no seu mitin de feche de campaña dous días antes.

Millán Mon naceu en Pontevedra, onde ten unha casa, pero a súa residencia familiar está no distrito madrileño de Aravaca. Leva 20 anos como eurodeputado galego no Parlamento Europeo, e como semella que aconteceu nestas pasadas eleccións europeas, nas celebradas o 25 de maio de 2014 (nas que tamén ocupaba o posto número 8 na lista do PP), nesa ocasión exerceu o seu dereito a voto no Colexio Bernadette de Aravaca, onde ten a súa residencia familiar a carón do ex presidente do Goberno do Estado e cuñado seu, Mariano Raxoi Brei (que vota no mesmo colexio electoral). Comparte tamén Millán Mon con Mariano Raxoi e outros dirixentes do PP coma Pilar Rojo ou Ana Pastor, os periodos estivais en Sanxenxo.

Vázquez Lázara naceu en Madrid e o seu vencello con Galiza é a orixe dos seus pais, ambos do Deza, onde el mesmo recoñeceu a Nós Diario que ten unha casa. Lázara repetirá lexislatura no Parlamento Europeo, logo de pasar de ser eurodeputado e responsábel da campaña de Ciudadanos nas eleccións de 2019 a integrar neste 2024 as listas do PP ao Parlamento Europeo.

Pola contra, o PP dixo esta quinta feira que Ana Miranda "non merece representar Galiza" na Eurocámara, afirmando que "o escano galego foi un engano galego", en referencia ao feito de que as formacións da coalición Agora Repúblicas (BNG, Bildu, ERC) repartan o tempo dos escanos que obtiveron (3) atendendo ao número de votos que houbo en cada territorio.

Bouzas e Lalín

A lista de eurodeputados que viven na Galiza queda reducida a dous. Dun lado Ana Miranda, do BNG na candidatura de Agora Repúblicas, e Nicolás González Casares, na candidatura ás europeas do PSOE. Ambos repiten nos seus escanos en Bruxelas, que compaxinan coa súa residencia na Galiza. No caso de Ana Miranda, natural de Cuntis (comarca de Caldas), leva parte da súa vida residindo e vencellada ao barrio vigués de Bouzas, onde fai a súa vida os días que non está en Bruxelas ou noutras viaxes por motivos laborais. En Bouzas é moi querida polos seus veciños e veciñas, que destacan dela a súa proximidade. Segue tamén vencellada a Cuntis, onde están enterrados seus pais e fai tamén frecuentes visitas a Barcelona, onde estuda a súa filla.

Nicolás González Casares leva 51 anos empadroado en Lalín (O Deza), onde tamén fixo carreira política dentro do PSdeG e mesmo foi tenente alcalde no goberno cuatripartito presidido por Rafael Cuíña (Compromiso por Galicia). É enfermeiro de profesión, e ao longo da súa carreira viviu en distintas cidades galegas por motivos laborais, “pero nunca deixei de estar empadroado en Lalín”, explica a Nós Diario. Ademais, o socialista foi pai durante esta campaña electoral.