O 'non' do PP e a abstención do PSdeG tomban en Vigo a moción do BNG contra a planta de Altri

O portavoz do BNG de Vigo, Xabier Prérez Igrexas, intervén no pleno (Foto: Nós Diario).
A moción, defendida polo portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, buscaba unha posición en contra da macroplanta por parte da Corporación de Vigo, alegando que a instalación suporá "unha bomba ambiental no corazón da Galiza".

O voto contrario do PP e a abstención do grupo socialista tombaron a moción presentada polo BNG para rexeitar a instalación dunha macroplanta de celulosa por parte da multinacional Altri en Palas de Rei (A Ulloa).

A moción, defendida polo portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, buscaba unha posición en contra da macroplanta por parte da Corporación de Vigo, alegando que a instalación suporá "unha bomba ambiental no corazón da Galiza".

O edil do BNG subliñou que se trata dun "proxecto depredador", tramitado "con opacidade" e que terá unha grande afección ambiental, social e económica, atentando "contra o interese xeral da Galiza".

O grupo municipal do PP trasladou o seu rexeitamento a esta moción, ao considerar que o BNG está a incorrer en "excesos verbais", dentro dunha "estratexia de confusión da opinión pública". Respecto diso, o portavoz do grupo, Miguel Martín, lembrou que o proxecto de Altri aínda está en proceso de avaliación, tramitándose con "total transparencia" e que a súa instalación está condicionada ao cumprimento de normativas de seguridade e ambientais "moi exixentes". Por iso, o edil popular instou os nacionalistas a "abandonar a politización" neste asunto e a "volver ao consenso".

"Que ten ver con este pleno Altri?"

Mentres, o portavoz do PSdeG, Carlos López Font, xustificou a abstención do seu grupo porque, ao seu xuízo, a moción do BNG é "unha vergoña e un insulto á intelixencia", co obxectivo de "antepor o interese de partido e as siglas" aos intereses da cidade. "Que ten que ver con este pleno Altri? Que obrigación ten este pleno de adoptar unha posición?", proclamou, antes de subliñar que o grupo do BNG "está ás ordes da súa xefa de Santiago".

Segundo o portavoz do grupo socialista e do Goberno local, esta moción responde o interese de Pérez Igrexas de ter "proxección persoal", e convidouno a que se esqueza "de facer méritos" porque a mellora de resultados do BNG nas últimas citas electorais non foi máis que "un espellismo".

En resposta a estas palabras, e para fechar o debate, o portavoz do BNG lembrou ao Goberno local que "Vigo non é unha cidade estado illada", e cualificou de "vergoñoso" que o PSdeG "fuxa de adoptar unha posición". Así mesmo, proclamou que é igual de "vergoñoso" que o grupo socialista de Vigo "traizoe" aos seus compañeiros e compañeiras do PSdeG de Palas de Rei.

Sobre a posición do PP, Pérez Igrexas subliñou que ao grupo popular "todo lle dá igual" e limítase a "reproducir os argumentos". Agora, recalcou, os concelleiros e as concelleiras exercen "de comerciais de Altri" mais "saben tanto de economía produtiva como de protección ambiental: nada".