23-X

"Non vou renunciar". Feixoo asegura que xa iniciou os contactos para tentar ser presidente do Goberno español

Alberto Níñez Feixoo esta segunda feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
"Non vou renunciar a tentalo", declarou Feixoo na súa intervención ante a Xunta Directiva Nacional do PP, poucas horas despois da vitoria amarga do seu partido.

O líder do PP e candidato á Presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feixoo, admitiu esta segunda feira que o PP non alcanzou as súas "expectativas" nas xerais, pero subliñou que é o partido gañador e, por tanto, é a súa "responsabilidade" liderar as conversacións para tentar formar Goberno. Por iso, informou á plana maior da súa formación que abriu contactos con PNV, UPN, Vox e Coalición Canaria.

"Non vou renunciar a tentalo", declarou Feixoo na súa intervención ante a Xunta Directiva Nacional do PP, poucas horas despois da vitoria amarga do seu partido, que gañou as eleccións con 136 escanos e 33,05% dos votos mais o socialista Pedro Sánchez ten máis opcións de sacar adiante a investidura se consegue a abstención de Junts.

Feixoo asegurou que desde esta mañá mantivo contactos "con distintas forzas políticas ao obxecto de conseguir un goberno estábel no Estado nas próximas semanas".

En concreto, e tras o contacto onte á noite co Partido Socialista "a pedimento do seu candidato", informou que ambos quedaron "en falar" unha vez coñecido o escrutinio final do voto CERA. Ademais, engadiu que o líder de UPN, Javier Esparza, confirmoulle "xa o apoio ante unha hipotética investidura".

Contacto con Ortuzar

Ademais, sinalou que co presidente de Coalición Canaria, Fernando Clavijo, "abriu o camiño ao mesmo efecto". Así mesmo, informou de que "houbo xa un contacto co presidente do PNV", Andoni Ortuzar, que espera "ampliar" nos próximos días.

"Tamén falei co presidente de Vox e do mesmo modo quedamos en continuar as conversas ao longo da semana tamén coa formulación de se está disposto ou non a apoiar un cambio do goberno sanchista", manifestou.

Feixoo recalcou que se Pedro Sánchez non acepta o diálogo co PP, a súa formación explorará todas as vías para evitar o bloqueo, que é un escenario "indesexábel". Así, indicou que non poden permitir que o país se "balcanice".