23-X

'Nós Diario' entrevista os candidatos ao Congreso pola Coruña

Néstor rego (BNG), José Miñóns (PSOE), Marta Lois (Sumar) e Marta González (PP) (Foto: Nós Diario).

Nesta campaña electoral de cara ás eleccións estatais do 23 de xullo, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ao Congreso e ao Senado polas catro circunscricións galegas para coñecer os seus programas e propostas. Hoxe é a quenda dos candidatos ao Congreso pola circunscrición da Coruña, que son Néstor Rego (BNG), José Miñóns (PSOE), Marta Lois (Sumar) e Marta González (PP).

A cidadanía dos concellos pertencentes á circunscrición da Coruña, ao igual que o resto da cidadanía galega, ten unha cita coas urnas o vindeiro 23-X. Nas anteriores eleccións estatais dos oito escanos que se reparten neste territorio tres foron obtidos polo PP, outros tres polo PSOE, un por Podemos-EU e o outro polo BNG.

Co obxectivo de coñecer de primeira man os programas e propostas das principais candidaturas, Nós Diario contacta coas persoas que encabezan as candidaturas dos principais partidos de cara ao 23-X.

Néstor Rego (BNG): "Sacar representación nas 4 provinciais é un obxectivo moi factíbel para o BNG"

Actualmente ocupa o escano que o BNG logrou en novembro de 2019 no Congreso dos Deputados. Néstor Rego repite como cabeza de lista pola circuncisión da Coruña da formación nacionalista. Na entrevista, Rego os obxectivos e demandas do Bloque.

“Non queremos só arrancar acordos que melloren as condicións de vida das galegas e galegos, senón de ter capacidade para facelos cumprir”, explica Rego.

José Miñóns (PSOE) "Este é o Goberno español que máis investimento realizou na Galiza"

É o actual ministro de sanidade e anteriormente ocupou o posto de delegado do Goberno español na Galiza. José Miñóns explica na súa conversa con Nós Diario o que, segundo el, está en xogo este 23-X.

“O resultado que teñamos nestas eleccións a nivel estatal afectará ás autonómicas. Se gaña Núñez Feixoo e imos a un Goberno con Abascal de vicepresidente, teremos seguro unhas autonómicas adiantadas”, indica Miñóns.

Marta Lois (Sumar): "Sumar é un espazo que vén para quedar e concorrerá ás eleccións galegas"

Politóloga e profesora universitaria, Marta Lois ocupa o primeiro posto na lista de Sumar de cara ás eleccións deste domingo. Conversou con este xornal para tratar as expectativas da súa formación e o seu programa.

“Queremos seguir facendo unhas políticas útiles para a xente, políticas de feitos que ofrezan solucións para a agricultura, a pesca, para a industria ou para o emprego”, salienta Lois.

Marta González (PP): "O Goberno Sánchez foi un Goberno hostil para os intereses da Galiza"

A número dous dos populares pola circunscrición da Coruña é Marta González que na actualidade é deputada no Congreso e portavoz adxunta do PP nesa cámara. En conversa con Nós Diario analiza as perspectivas do PP.

“A verdade é que o PSOE bloqueou calquera avance na perspectiva de transferir á Galiza a autoestrada do Atlántico, AP-9, libre de peaxes”, indica González.