Marta Lois (Sumar)

"Sumar é un espazo que vén para quedar e concorrerá ás eleccións galegas"

Marta Lois, candidata número 1 de Sumar ao Congreso pola Coruña.

Marta Lois, presidenta de Movemento Sumar. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Lois, presidenta de Movemento Sumar. (Foto: Nós Diario)

—Cales son as perspectivas coas que concorre Sumar a estes comicios na circunscrición da Coruña?
Acudimos a estas eleccións cunhas perspectivas moi boas, con moita enerxía e moitas ganas. De feito, somos a única forza da esquerda que medra nas enquisas que foron aparecendo nas últimas semanas e por iso pensamos que Sumar pode irromper na Galiza e ser chave para un Goberno progresista no Estado.

Para nós, Sumar é un espazo progresista con vocación de goberno, destinada á maioría social e con propostas concretas. Somos voto útil, polo que toca optar entre a Galiza en branco e negro de Feixoo ou sumar na Galiza coa ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

—Na súa condición de presidenta de Sumar no Estado, que destacaría desta formación?
A perspectiva é dunha forza emerxente, algo novo, con vontade de manterse no tempo e, neste sentido, estamos consolidando en toda Galiza unha estrutura que garanta a participación e que manteña unha pata importante na sociedade civil. Sumar é un espazo que vén para quedarse e concorrerá as eleccións galegas.

Nacemos como resultado dun proceso de escoita e conxungamos tradicións diversas, por iso nas nosas candidaturas hai persoas de procedencias diversas, algunhas chegadas do espazo municipalista, como o antigo alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, ou a actual concelleira da Marea de Noia, Lola Caramés. Somos, en definitiva, unha formación situada no espazo da esquerda transformadora e que queremos aplicar políticas útiles.

—Que cuestións contan con máis relevo na súa proposta programática e cales entenden máis urxentes?
 Queremos continuar avanzando en políticas que xa viñemos aplicando e que permitiron a creación dun importante número de empregos, que posibilitaron que a contratación feminina estea perto de máximos históricos, que significaron un aumento de máis de 200% na contratación indefinida, que implicaron unha revalorización das pensións de 8,5%, coa importancia que iso ten na Galiza pola súa estrutura demográfica ou que beneficiaron en 2023 máis de 106.000 traballadores galegos, que viron como se incrementaba o seu salario como consecuencia da suba do salario mínimo interprofesional (SMI).

Queremos seguir facendo unhas políticas útiles para a xente, políticas de feitos que ofrezan solucións para a agricultura, a pesca, para a industria ou para o emprego. De feito, imos promover un plan de emprego para Galiza desde o Goberno.

Comentarios