A nova executiva do BNG abre cun xantar de confraternización a súa andaina após a asemblea

Foto de familia da Executiva antes do comezo do xantar

A primeira foto da nova dirección do BNG após a XVI Asemblea Nacional non foi a socorrida imaxe na Sede Nacional, senón unha estampa máis familiar e distendida, unha cimeira gastronómica na coñecida casa de xantar compostelá O Dezaseis.

Dezanove -os integrantes da nova dirección nacionalista- no Dezaseis -un dos restaurantes de referencia na capital da Galiza, moi frecuentado por xente soberanista. Así comezou a súa nova xeira a dirección saínte da XVI asemblea nacional, após obter un abrumador apoio -92,2 por cento- das e dos asembleístas de Palexco.

A meio dun comunicado de imprensa, a portavoz nacional reeleita, Ana Pontón, quixo agradecer a participación das máis de dúas mil persoas que, entre militantes, simpatizantes e convidadas e convidados, ateigaron o auditorio de Palexco durante a fin de semana da Asemblea Nacional.

A líder do BNG, nunhas declaracións esta segunda feira no Galicia por Diante da RG, enfatizou a vontade da formación soberanista de "avanzar na liña de renovación da nosa organización" e na dirección de "incorporar novas persoas"  visando a conquista dun "tempo novo" para Galiza.