Dezanove -os integrantes da nova dirección nacionalista- no Dezaseis -un dos restaurantes de referencia na capital da Galiza, moi frecuentado por xente soberanista. Así comezou a súa nova xeira a dirección saínte da XVI asemblea nacional, após obter un abrumador apoio -92,2 por cento- das e dos asembleístas de Palexco.
A meio dun comunicado de imprensa, a portavoz nacional reeleita, Ana Pontón, quixo agradecer a participación das máis de dúas mil persoas que, entre militantes, simpatizantes e convidadas e convidados, ateigaron o auditorio de Palexco durante a fin de semana da Asemblea Nacional.
A líder do BNG, nunhas declaracións esta segunda feira no Galicia por Diante da RG, enfatizou a vontade da formación soberanista de "avanzar na liña de renovación da nosa organización" e na dirección de "incorporar novas persoas" visando a conquista dun "tempo novo" para Galiza.